O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que garanta un reparto máis xusto e máis consecuente das axudas para o fomento da produción, distribución, exhibición e promoción da industria cinematográfica e audiovisual, co obxectivo do fomento das linguas cooficiais distintas do castelán.
A portavoz popular de Cultura, Carmen Pomar, explicou que estas axudas estatais “constitúen unha importante liña de apoio ao sector audiovisual, xa que poden utilizarse para todo tipo de accións, desde a creación de proxectos audiovisuais en galego, ata a dobraxe, a promoción ou a difusión, entre outros”.
DO 70% PARA CATALUÑA AO 5% PARA GALICIA
Pomar lembrou que “o Goberno de Pedro Sánchez recuperou estas axudas en 2022 como unha das contrapartidas para votar a favor da súa investidura como Presidente do Goberno e, desde ese ano, beneficiaron descaradamente a Cataluña”. En concreto, indicou que en 2022 Cataluña levouse o 71,60 por cento do fondo, en 2023, o 67,93 por cento; e en 2024, volveuse achegar ao 70 por cento. En contraposición, Galicia pasou de recibir o 11,5 por cento do fondo en 2022, ao 8,3 por cento en 2023 e, finalmente, ver reducida a súa participación a un 5,11 por cento este ano.
“Isto non é admisible para Galicia, non xa polo Goberno galego senón polo noso sector audiovisual”, sinalou a portavoz popular, que manifestou que “é fundamental opoñerse frontalmente aos criterios de reparto que manexa o Ministerio ou, no caso de que os manteñan, é importante que se poñan uns contrapesos que non beneficien sempre so aos máis fortes”.
Carmen Pomar salientou que “o apoio do Goberno galego ao sector audiovisual queda demostrado coa aposta decidida pola produción feita na Comunidade galega e en galego”, ante o que apuntou que “hoxe máis do 60 por cento da produción que se realiza en Galicia faise en galego”.