Santiago, 17 de febreiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancia do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Ministerio de Hacienda e Administracións Públicas que modifique os criterios de cómputo de entidades e aforros do sector público autonómico de Galicia no seu informe de situación dos procesos de reordenación, de xeito que inclúan a globalidade das entidades extinguidas, aforros acadados e procesos de reordenación impulsados dende a Comunidade galega.
A portavoz de Administracións Públicas, Paula Prado, explicou que na actualidade o Ministerio de Hacienda publica periodicamente un informe no que se analiza de forma comparada e evolución dos procesos autonómicos de reordenación das estruturas dos seus respectivos sectores públicos.
DIFERENZAS COA LOFAXGA
“Para iso, toman como referencia o inventario de entes dependentes das comunidades autónomas e a comparativa sobre a redución de organismos faise tomando como punto de partida a situación existente a 1 de xullo de 2010, sen ter en conta que en Galicia xa se están reducindo desde 2009”, indicou Prado.
Porén, moitas das entidades incluídas neste inventario difiren das que deben ter a consideración de integrantes do sector publico autonómico segundo a Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e o sector público galego. A modo de exemplo, a portavoz popular sinalou que se inclúen entidades que non son dependentes da Administración Xeral de Galicia como as que son dependentes das universidades, consorcios con participación autonómica igual ou inferior ao 50 por cento e sociedades mercantís participadas por varias administracións públicas pero sen que a administración autonómica teña mais do 50 por cento do seu capital, entre outras.
GRAVES DISTORSIÓNS
Paula Prado afirmo que os criterios utilizados polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para medir os esforzos de racionalización das comunidades autónomas “están a provocar graves distorsións no cómputo das entidades extinguidas e aforros acadados en Galicia desde o ano 2009”.
Así, manifestou que “non se teñen en conta determinadas entidades suprimidas pola Xunta de Galicia a través dos seus plans de reordenación, non se computan as primeiras baixas que se levaron a cabo en Galicia antes do 1 de xaneiro de 2010 e non se inclúen as entidades instrumentais doutros sectores, como o universitario, e outros que non dependen da Administración Xeral de Galicia dentro das entidades do sector público autonómico”.