Santiago, 13 de setembro de 2017.- O Parlamento galego aprobou esta mañá por unanimidade, a instancia do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Ministerio de Xustiza, como proposta de mínimos, a creación de todos os xulgados e prazas de maxistrados e maxistradas que se consensúen entre a Xunta de Galicia e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para 2018.
Así mesmo, demándase á Xunta asumir, apoiar e dotar de medios persoais e materiais a todos os órganos xurisdicionais que o Ministerio asigne para Galicia.
A proposición non de lei incorpora, logo da transacción realizada polo Grupo Popular cos grupos da oposición, que o Ministerio de Xustiza incremente as partidas orzamentarias para substitucións de persoal por baixas o vacacións; realice unha auditoría exterior e independente sobre a implantación da administración dixital na Xustiza, con especial atención aos problemas xerados polas plataformas informáticas; e adapte todas as medidas para o axeitado funcionamento do sistema LEXNET.
DISPOÑIBILIDADE DA XUNTA
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, lembrou que “a competencia para a creación de novas unidades xudiciais correspóndelle ao Goberno central” e subliñou que “en todas as ocasións nas que o Goberno central creou unidades, o Goberno da Xunta ten manifestado a súa dispoñibilidade para afrontar o custo que supón a posta en marcha dos xulgados que lle resultan asignados a Galicia”.
Prado explicou que o actual Goberno da Xunta impulsou a creación de 20 novos xulgados desde 2009, “a práctica totalidade dos órganos de necesaria creación que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lle trasladou ao goberno do Presidente Feijóo”.
Para este ano 2017, o Ministerio ten fixado definitivamente en catro o número de xulgados de nova creación asignados a Galicia, que, logo de consensualo co TSXG, concretáronse como prioritarios nas cidades da Coruña, Ourense, Vigo e Ferrol .
CONTINUAR A CREACIÓN DE NOVOS XULGADOS
“O Goberno galego ten amosada a súa disposición para axilizar ao máximo posible os prazos para a posta en marcha destes novos xulgados, se ben cómpre para isto que previamente o Ministerio publique o Real decreto que estableza a súa creación”, indicou Paula Prado.
De cara ao 2018, a viceportavoz popular sinalou que a Xunta “ten expresada a necesidade de que continúe a creación de xulgados en Galicia, agardando que na programación para o vindeiro ano se inclúan máis xulgados que dean resposta ás demandas xudiciais e permitan seguir mellorando o servizo á cidadanía, especialmente naqueles lugares con máis carga de traballo”.