Santiago, 16 de marzo de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o PSdeG, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a levar a cabo campañas dirixidas á cidadanía para informar e concienciar sobre a importancia da ciberseguridade, alertar das condutas que podan ser sospeitosas deste tipo de estafas e mellorar as capacidades do uso da tecnoloxía dixital.
A deputada popular Noelia Pérez lembrou que as competencias en prevención de delitos e protección da cidadanía corresponden ao Goberno de España, e a Xunta está a colaborar e cooperar neste ámbito no reforzo das accións realizadas polos organismos competentes do Estado: o Incibe e o Centro Criptolóxico Nacional.
INFORMACIÓN E FORMACIÓN EN GALICIA
“A ciberdelincuencia é unha cuestión penal, polo que a actuación máis seria e correcta é deixalo en mans das forzas e corpos de seguridade do Estado, que son os competentes e que para iso contan con equipos especializados”, indicou a deputada popular. Neste sentido, puntualizou que “aínda que sexan as forzas e corpos de seguridade do Estado quen establecen as liñas de actuacións principais por un tema competencial, isto non significa que o Goberno galego se vaia desatender”.
Noelia Pérez subliñou que “en Galicia informamos e formamos aos cidadáns en materia de ciberseguridade”. En concreto, lembrou que “temos un Plan Director de seguridade TIC, que acabamos de reforzar con medidas extraordinarias ante o incremento das ciberamenazas, e contamos cun nodo galego de ciberseguridade, no que están presentes órganos estatais, as catro deputacións, os concellos, a Xunta e máis de 30 entidades”.
Ademais, referiuse ao acordo-marco para a prestación de servizos de ciberseguridade; a construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia; a rede CEMIT, presente en 91 concellos galegos; e aprobouse o novo Marco Galego de Competencias Dixitais. “En definitiva, estamos convencidos de que a capacitación dixital e a formación son básicas para facer un uso seguro e responsable da contorna dixital”, rematou.