Santiago, 7 de setembro de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central unha defensa pechada ante a Unión Europea e a Organización Mundial do Comercio para frear a proposta de prohibir as subvencións á compra ou a cubrir os gastos de combustible da frota pesqueira.
A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, manifestou que “Galicia asiste con preocupación ás negociacións que, no marco da Organización Mundial do Comercio, se están a dar sobre medidas para a eliminación da pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, así como a prohibición de determinadas subvencións á pesca que supostamente contribúen á sobrecapacidade e á sobrepesca”.
En concreto, o borrador no novo texto presentado o pasado 11 de maio considera que contribúen á sobrecapacidade ou sobrepesca, e, por tanto, estarían prohibidas, as subvencións á compra ou a cubrir os custos de combustible, xeo ou cebos.
NOVO ESFORZO PARA A FROTA GALEGA
“Rexeitamos a eliminación xeneralizada do combustible bonificado para a frota pesqueira que propón este borrador da Organización Mundial do Comercio, debido a que pon en risco a sustentabilidade e o futuro do sector pesqueiro galego”, sinalou a portavoz popular. Esta decisión “cargaría sobre a frota da Unión Europea e a galega un novo esforzo, máxime cando están demostrando que practican unha pesca responsable e sustentable en todos os mares nos que desenvolve a súa actividade”.
Teresa Egerique asegurou “non entender o cambio de opinión da Comisión Europea, que antes concordaba coa de Galicia, nin que o Goberno central se pregue a esa posición e faga seguidismo dunha posición negativa para a frota galega”.
“Debe haber as mesmas regras de xogo en toda a actividade marítimo-pesqueira, tanto no eido económico como no ambiental e social; e poden adoptarse outras medidas para atallar a pesca ilegal e as prácticas irresponsables de determinadas frotas sen prexudicar a aquelas que actúan dun xeito responsable”, dixo.