Santiago, 5 de abril de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha proposición non de lei a través da qeu se demanda que a Xunta siga traballando na sinalización e promoción da ruta Eurovelo 3 en Galicia, impulsando deste xeito a extensión desta ruta de bicicletas pola costa galega.
A deputada popular Julia Rodríguez explicou que Eurovelo é unha rede de rutas ciclistas de calidade que conecta distintos países europeos e ten unha importante repercusión económica. Na actualidade, das 15 rutas que comprenden esta rede europea, solo a ruta 3, ou Ruta dos Peregrinos, inclúe o territorio galego: despois de 5.122 quilómetros desde Trodheim en Noruega chega a Santiago, sustentándose na temática do Camiño de Santiago e as peregrinacións.
COMPLETAR OS TRABALLOS
“É necesario completar os traballos da ruta Eurovelo que xa discorre pola Comunidade galega”, dixo a deputada popular, quen sinalou que a Xunta “xa está traballando para licitar a sinalización e promover un produto turístico en torno a esta ruta ciclista”.
Así mesmo, a proposición non de lei demanda demanda que RENFE estude a posibilidade de adaptar a oferta á demanda rexistrada dos espazos destinados a bicicletas en cada tren, sen diminuír espazo para os usuarios.
“Hai que favorecer o uso da bicicleta como medio de transporte alternativo, para o que é necesario facer compatible este medio co uso do ferrocarril, facilitando as reservas e a adquisición de billetes para as bicicletas a través da páxina web ou da aplicación móbil, así como por traxectos efectivos e non completos”, apuntou Julia Rodríguez.