Santiago, 10 de marzo de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España o traspaso das competencias para a xestión do dominio público marítimo terrestre e as competencias de ordenación do sector pesqueiro e a investigación oceanográfica.
A deputada popular Marisol Díaz Mouteira manifestou que “demandamos que o Goberno galego faga unha xestión de proximidade do noso territorio costeiro, do que ten un coñecemento máis detallado do que pode ter a Administración central”. “Todos temos a obriga de protexer o litoral galego e os seus recursos en calquera das súas formas como fonte de ingresos sustentables, ademais do seu valor ambiental, o patrimonio construído e a ordenación urbanística”.
MELLOR COÑECEMENTO
“Esta competencia permitiría á Xunta exercer dun xeito autónomo e máis axeitado a política integral do litoral galego en diferentes ámbitos, como o marisqueo, o portuario ou o pesqueiro”, indicou. Ademais, apuntou que “a xestión integral do litoral galego, incluíndo o dominio público marítimo-terrestre e os terreos contiguos suxeitos a limitacións e servidumes de protección, permitiría minorar as posibles perdas de eficacia na administración, reduciría as demoras e inseguridade, e melloraría a eficiencia no uso dos fondos económicos”.
Marisol Díaz incidiu que “temos o mellor coñecemento do noso territorio costeiro e o corpo normativo axeitado para asumir unha política integral do litoral galego, o que permitiría xestionar estas zonas en función das súas peculiaridades, tomar as decisión máis axeitadas e cunha maior axilidade administrativa, ademais de poder dar unha nova vida a un importante conxunto de inmobles de valor ambiental, patrimonial e arquitectónico se o Goberno de España accede á modificación normativa en materia de costas”, concretou.
A deputada popular explicou que “nos últimos anos o Goberno galego entendeu que era moito máis importante xestionar cuestións de vital importancia, como a crise económica de principios desta década, que negociar o traspaso de novas competencias, defendendo as que xa tiñamos”.
“Con todo, esta prioridade mudou á vista da situación actual de xestión do dominio público marítimo-terrestre, coa intención por parte do Goberno de Pedro Sánchez de adoptar decisións prexudiciais para Galicia”, sinalou.