Santiago, 19 de xaneiro de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe, a iniciativa do Grupo Popular, solicitar á Xunta que afronte un proceso de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos distintos niveis educativos coa progresiva implantación do sistema de plurilingüismo na Educación Infantil de 3 a 6 anos e a incorporación do inglés nos ciclos de FP.
A deputada popular Teresa Egerique lembrou que “o PPdeG apostou desde o primeiro momento por unha educación moderna, cunha oferta ampla e innovadora, en moitos casos sendo pioneira a nivel nacional, cun único obxectivo: abrir as portas do mundo aos estudantes galegos”. “Deste xeito, o actual goberno da Xunta marcouse unha liña moi clara: unha educación para todos, onde os nosos rapaces poidan ampliar as súas competencias lingüísticas, sendo unha ferramenta fundamental para poder ampliar as súas miras tanto dentro como fóra das nosas fronteiras no seu futuro académico ou profesional”.
100.000 ALUMNOS NO PLAN
Para acadar este obxectivo, púxose en marcha o Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras, do que no presente curso estanse a beneficiar cerca de 100.000 alumnos e arredor do 80 por cento dos centros sostidos con fondos públicos con ensino obrigatorio participan nalgunha das súas accións.
Máis en concreto, Egerique sinalou que na actualidade hai 282 centros plurilingües en Galicia, así como 3.914 seccións bilingües e 504 auxiliares de conversa, situando a Galicia como a segunda comunidade española en ratio de auxiliares por alumno.
CONTINUAR CO PROGRAMA
“Galicia foi pioneira en España en canto ao ensino de linguas estranxeiras e exemplo para outras comunidades autónomas, polo que é preciso continuar cun programa exitoso e aplaudido pola maior parte das nais e pais, así como polo profesorado”, indicou a deputada popular.
Teresa Egerique incidiu na “importancia da adquisición de competencias lingüísticas polos nosos escolares”, polo que manifestou que “a aplicación do Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras ás nenos de 3 a 6 anos e incorporando o inglés aos ciclos da FP será un novo éxito do noso sistema educativo”.