Santiago, 16 de febreiro de 2022.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se urxe ao Ministerio de Xustiza que proceda canto antes á convocatoria das prazas correspondentes aos corpos de médicos forenses, xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa, e mais auxilio xudicial, así como á axilización dos procesos delas dimanantes, co obxectivo de acadar o maior grado de profesionalización posible reducindo a taxa de interinidade na Administración de Xustiza en Galicia.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, lembrou que a Administración do Estado “é a competente para a creación de novas unidades xudiciais, ao tempo que as comunidades autónomas con competencias traspasadas facilitarán os medios que fornecen o funcionamento do Poder Xudicial e realizarán a xestión do persoal funcionario ao servizo da Administración de Xustiza”.
OFERTA DE EMPREGO APROBADA
“O feito de que estes funcionarios formen parte de corpos de carácter nacional, con independencia de cal sexa o seu destino no territorio do Estado, é o que motiva que a elaboración da oferta de emprego público e a convocatoria dos procesos selectivos lle correspondan ao Ministerio de Xustiza, limitándose as comunidades autónomas a por en coñecemento do Goberno central as prazas vacantes existentes no territorio co obxecto de que se incorporen á oferta de emprego”, explicou.
Paula Prado referiuse ao Real Decreto 636/2021, polo que se aproba a oferta de emprego público para ese ano, e sinalou que recolle 1.339 prazas autorizadas de persoal ao servizo da Administración de Xustiza dos corpos de médicos forenses, xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e máis auxilio xudicial, das que 976 son prazas que corresponden ás comunidades autónomas con traspaso de medios persoais.
“Dada a taxa de interinidade actualmente existente entre o persoal funcionario en Galicia, cómpre que o Ministerio de Xustiza proceda o máis axiña posible á convocatoria das correspondentes prazas e á axilización dos procesos delas dimanantes”, demandou a viceportavoz popular.