Santiago, 9 de maio de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei a través da que se urxe a proceder a unha solución inmediata do conflito da Xustiza en Galicia a través da sinatura por parte dos sindicatos do acordo proposto pola Xunta, que coincide co mandato unánime expresado pola Cámara galega no mes de decembro. Así mesmo, a través da iniciativa do Grupo Popular solicítase ao Ministerio de Xustiza que continúe coa creación de novas unidades xudiciais en Galicia con cargo á programación de 2018.
O deputado popular Jacobo Moreira manifestou que neste momento “o que se está a producir arredor da Xustiza en Galicia é confusión”, polo que demandou “claridade para resolver canto antes este conflito porque os funcionarios xa se poderían estar beneficiando actualmente da proposta que fixo a Xunta: con incrementos salariais e melloras noutros aspectos laborais”.
INTOLERABLE PERSECUCIÓN
Moreira afirmou que “asistimos con vergoña e atónitos ao que aconteceu o pasado 27 de abril durante a consulta convocada polos sindicatos respecto da proposta feita pola Xunta, cunhas imaxes nas que a xornada de votación se desenvolvía entre insultos por parte dun sector de representantes sindicais aos traballadores que pensaban diferente ao que ese interesado sector pretendía”.
Así, lembrou que os propios representantes doutras organizacións sindicais expresaron que a consulta se levara a cabo “nun ambiente de coacción que non permitiu que se desenvolvera con garantías”, denunciando que “desde primeira hora da mañá houbo unha intolerable persecución por grupos de asalto organizados por CUT, STAJ e CIG que intentaron impedir coa súa actitude agresiva que a votación se realizase”.
Por este motivo, a proposición non de lei incorporou unha emenda, co único voto favorable do Grupo Popular, a través da que o Parlamento manifesta a súa enérxica condena ás actitudes amosadas por un sector sindical contra as persoas traballadoras da Administración de Xustiza que acudiron o pasado 27 de abril a expresar a súa libre vontade sobre a fin do conflito no eido da Xustiza.
NOVOS XULGADOS
Respecto da creación de novos xulgados en Galicia, Jacobo Moreira recordou que “logo da creación de nove unidades xudiciais en 2010, en Galicia non se tiña creado ningún xulgado novo ata agora”. Deste xeito, considerou “un feito salientable que o Ministerio de Xustiza, con cargo á programación de 2017, procedera á creación de 87 novos xulgados en toda España, dos que unicamente 15 entraron en funcionamento, catro na Comunidade galega”.
“O Goberno galego ten manifestado a súa dispoñibilidade para asumir o número de órganos que consonte os criterios obxectivos lle resulten asignados a Galicia, unha determinación que xurda froito da análise das necesidades no seo da Comisión Mixta co Tribunal Superior de Xustiza”, explicou.
O deputado popular avogou por “seguir avanzando para satisfacer o catálogo de necesidades que na Comisión Mixta se estimen necesarias, máis alá de opinións subxectivas ou de colectivos sectoriais, pois son os ditos representantes do Poder Xudicial os que coñecen de primeira man e cunha visión global as medidas máis axeitadas respecto dos recursos dispoñibles no territorio”.