7, novembro, 2022. O Grupo Parlamentario Popular no Senado presentará proximamente unha moción na Cámara Alta para demandar ao Goberno central a inclusión do noroeste peninsular no mapa de autopistas ferroviarias, a creación dun plan estratéxico do Corredor Atlántico e o nomeamento do comisionado: “Esixiremos proxectos, iniciativas, orzamentos e obras que son fundamentais. O Partido Popular quere ofrecer solucións, a diferenza do Goberno de España actual”.
Así o anunciaron os representantes do PP na Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Senado durante unha visita á estación intermodal de Santiago de Compostela, onde estiveron acompañados pola responsable de Infraestruturas do PP nacional, Ethel Vázquez, e onde concluíron que “o esquecemento, o ninguneo e o agravio son a marca da casa do Goberno de Sánchez” en materia de infraestruturas en Galicia.
A delegación, encabezada pola senadora galega Pilar Rojo, elixiu a estación compostelá como primeiro punto da súa visita a Galicia para coñecer a situación das infraestruturas galegas porque, en palabras de Ethel Vázquez, as políticas que vén aplicando o Goberno Sánchez en materia de infraestruturas ferroviarias son “claramente lesivas para a nosa Comunidade” e “priorizan as necesidades dos seus socios de goberno fronte ás necesidades reais dos territorios e da cidadanía”.
A responsable de Infraestruturas dos populares asegurou que a estación de tren de Santiago é “un claro exemplo da falta de previsión e a improvisación continua do Goberno de España”, facendo referencia á non recuperación dos servizos ferroviarios previos á pandemia na súa totalidade e mostrándose especialmente crítica coas consecuencias que está a ter a gratuidade dos bonos de tren.
Sobre esta medida asegurou Vázquez que “a priori debería ser beneficiosa para os usuarios”, pero que debido “á mala xestión e a improvisación constante do Goberno central” está a causar problemas aos seus beneficiarios: “Quedan sen praza, tirados nas plataformas ante a saturación dos trens e teñen problemas nas aplicacións para poder facer reservas”. Algo que, na súa opinión, podería evitarse “se se tivese avaliado previamente o incremento da demanda que ía supoñer esta iniciativa e se tivesen habilitado os reforzos necesarios desde o primeiro momento”.
Á marxe disto, referiuse tamén aos “incumprimentos fragrantes” dos Presupostos Xerais do Estado do vindeiro ano. Criticando neste sentido que “só se destinen 28.500 euros para a modernización do tren Ferrol-A Coruña”, que non se contemplen as variantes de trazado nin a conexión por alta velocidade de Lugo ou que se destine unha “insignificante partida” de 30.000 euros para a Saída Sur de Vigo e o AVE Vigo-Oporto.
Incidindo nesta última cuestión, Ethel Vázquez quixo expresar a súa “decepción, preocupación e fondo malestar” pola falta de compromiso amosada por Pedro Sánchez ante a conexión de alta velocidade con Portugal no recente Cumio Ibérico: “Tivo que ser o primeiro ministro de Portugal quen defendera os intereses de Galicia e a importancia desta conexión porque Pedro Sánchez non o fixo”.
ANTONIO SILVÁN: “DESDE O PP DICIMOS SI AO CORREDOR ATLÁNTICO”
Pola súa banda, o secretario de Mobilidade Sostible no PP nacional e voceiro da Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Senado, Antonio Silván; afirmou que “o esquecemento, o ninguneo e o agravio son a marca da casa do Goberno Sánchez en materia de infraestruturas en xeral e particularmente no que se refire a infraestruturas viarias, ferroviarias e loxísticas”.
Citando como principal exemplo o caso do Corredor Atlántico, que, segundo denunciou, “nin está nos Presupostos Xerais do vindeiro ano, nin conta cun plan estratéxico, nin se nomeou o alto comisionado que Sánchez prometera”. De aí o seu anuncio de que o Grupo Parlamentario Popular no Senado vaia presentar proximamente unha moción sobre este asunto, demandando ao Goberno central a inclusión do noroeste peninsular no mapa de autopistas ferroviarias, a creación dun plan estratéxico do Corredor Atlántico e o nomeamento do comisionado.
O ex-conselleiro de Fomento de Castela e Léon quixo referirse tamén á “imperiosa necesidade” de dotar con orzamento á “esquecida” autovía Ponferrada-Ourense, á que non dubidou en referirse como “a autovía da desidia” despois de anos de promesas incumpridas por parte de Pedro Sánchez.
Así mesmo, o tamén ex-alcalde de León mostrouse especialmente crítico co feito de que “sigan sen coñecerse as causas, nin as medidas que se van poñer en marcha para garantir a conectividade” tras o derrubamento do viaduto do Castro na A-6. Facendo fincapé na importancia que esta infraestrutura ten para a conectividade empresarial de Galicia: “Este tramo viario supón un elemento fundamental de dinamización empresarial e competitividade dos nosos empresarios”.