Santiago, 20 de febreiro de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe a Conta Xeral da Xunta de 2015. Así mesmo, aprobáronse as resolucións do Grupo Popular, a consecuencia dos informes de fiscalización, para que Galicia continúe a ser unha das comunidades autónomas con maior esforzo inversor, completar a redución da débeda dos entes públicos, seguir reducindo o déficit público e incrementar a transparencia.
A deputada Cristina Romero subliñou que os informes sobre o SERGAS “botan por terra os discursos da oposición porque recoñecen a redución do gasto desprazado e sitúan a Galicia como a quinta comunidade con maior orzamento per cápita en sanidade e a cuarta con maior incremento respecto ao ano anterior”.
Cristina Romero explicou que o Consello de Contas “ratifica nos seus informes de fiscalización do ano 2015 que a Xunta continuou mellorando a súa xestión orzamentaria, con resultados positivos no cumprimento dos obxectivos de estabilidade, a redución do gasto financeiro e a xestión do endebedamento ou dos avais”.
Neste sentido, indicou que “as nosas propostas de resolución buscan que Galicia continúe sendo unha das comunidades con maior esforzo inversor: cinco puntos por enriba da media española, á cabeza en investimento por habitante e liderando o pago a provedores”.
BOA XESTIÓN SANITARIA
No ámbito sanitario, a deputada popular concretou que “insistimos na boa xestión que recoñece o Consello de Contas no seu informe, co obxectivo de seguir manténdonos entre as rexións con maior orzamento en sanidade pública per cápita e para desenvolver os mecanismos de intervención e control do gasto sanitario”.
Cristina Romero apuntou que, ademais, “propoñemos que as futuras contratacións dos servizos de limpeza no ámbito sanitario conten cun expediente xustificativo máis completo e cuns pregos que inclúan maiores instrumentos de control para facilitar a supervisión e avaliación do cumprimento duns estándares de calidade homoxéneos en todo o territorio”.
A deputada popular negou que os concertos sanitarios “teñan un carácter estrutural, senón que teñen un carácter complementario”. Así, recordou que “o orzamento dedicado a concertos entre os anos 2004 e 2008 con Goberno bipartito incrementouse un 44 por cento, no 2009 conxelouse e hoxe hai menos concertos e máis recursos humanos e económicos que co goberno de socialistas e nacionalistas”.