Santiago, 26 de abril de 2022.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a Conta Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente a 2019, elaborada polo Consello de Contas, que pon de manifesto que o Goberno galego executa os seus orzamentos para que funcionen os recursos públicos cun 95 por cento de eficacia.
“Ademais, acredítase que en termos de ratio débeda/PIB a prezos de mercado, a Comunidade galega presenta un nivel de endebedamento do 17,5 por cento, porcentaxe 6,2 puntos inferior á media das comunidades autónomas”, salientou o deputado popular José Manuel Rey.
Na súa intervención, Rey subliñou que o Consello de Contas acredita na súa memoria que o Goberno galego “fai orzamentos cada ano, a diferenza doutras administracións gobernadas por BNG e PSdeG, e executa estes orzamentos para que funcionen os recursos públicos”. Neste sentido, contrapuxo o 95 por cento de execución dos orzamentos da Xunta co 68 por cento do Concello de Vigo ou o 40 por cento da Deputación de A Coruña.
RECOMENDACIÓNS
Ademais, salientou que a Xunta “rende contas en prazo”, tal e como se recolle no propio informe de fiscalización do Consello de Contas: “a Intervención Xeral rendeu en prazo a conta xeral do exercicio 2019, que ademais da conta da Administración Xeral inclúe as contas de 71 entidades instrumentais”.
Respecto das recomendacións formuladas polo Consello de Contas, José Manuel Rey concretou que “das 96 formuladas á Xunta, por un orzamento de 12.000 millóns de euros, foron contestadas 90, aceptándose o 78 por cento e o 60 por cento xa están aplicadas ou en proceso de aplicación”.