O PLENO DO PARLAMENTO DEBATERÁ A VINDEIRA SEMANA A APROBACIÓN DO PLAN ESTRATÉXICO DA ECONOMÍA DE GALICIA 2015-2020
· Este plan incorpora medidas de dinamización económica, blinda o gasto social e mantén a solvencia e sustentabilidade do gasto público
· O Grupo Popular defenderá a revisión do actual sistema de reparto das cotas pesqueiras e o impulso á construción da A-76 entre Ourense e León
Santiago, 3 de maio de 2016.- O Pleno do Parlamento de Galicia da vindeira semana procedera ao debate do Plan estratéxico da economía de Galicia 2015-2020, que “se aproba nun momento no que podemos ter un optimismo moderado pola situación económica de Galicia e que incorpora medidas de dinamización económica, blinda o gasto social e mantén a solvencia e sustentabilidade do gasto público”. Ademais, Puy apuntou que se trata dun “documento aberto que se vai adaptando ás novas circunstancias e obxectivos que vaian xurdindo no tempo”.
Pedro Puy explicou que o Plan estratéxico naceu dun “proceso moi participativo”, salientando que “non hai ningún antecedente semellante na historia desde que se comezaron a facer os plans de desenvolvemento rexional”.
OPTIMISMO MODERADO
Na súa intervención, o portavoz popular afirmou que este Plan estratéxico “apróbase nun momento no que podemos ter un optimismo moderado pola situación económica de Galicia” e fixo referencia aos datos de crecemento en taxas interanuais arredor do 3 por cento, ao tempo que diminúe o desemprego e a taxa de paro.
“O Plan Estratéxico presenta obxectivos importantes, como consolidar o crecemento económico en taxas anuais do 2,5 por cento; crear 100.000 empregos ata 2020; converxer coa Unión Europea; duplicar o gasto en innovación e desenvolvemento; seguir reducindo a taxa de abandono escolar; ou rebaixar a poboación en risco de pobreza en máis de 100.000 persoas”, concretou.
Así mesmo, engadiu que o Plan estratéxico incorpora medidas de dinamización demográfica; blinda o gasto social, con reforzo dos investimentos educación e sanidade; reconduce a senda de endebedamento; e mantén a solvencia e sustentabilidade do gasto público.
COMPARENCENCIA SOBRE O PLAN REHAVITA
A sesión plenaria da vindeira semana inclúe, ademais, a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, por petición propia, para dar conta das actuacións e medidas que a Xunta ten posto en marcha no marco do Plan RehaVita, de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.
O Grupo Popular defenderá no Pleno dúas proposicións non de lei. A primeira ten como obxectivo a defensa diante da autoridades comunitarias e estatais da revisión do actual sistema de reparto de cotas pesqueiras e xestión dos recursos no marco da Política Pesqueira Común. En concreto, a iniciativa busca impulsar un novo mecanismo de xestión que resolva a contradición provocada polo Principio de Estabilidade Relativa, de xeito que as cotas sobrantes se poidan ceder ou traspasar ás flotas que as precisan.
En segundo lugar, o Grupo Popular instará ao Ministerio de Fomento para que continúe impulsando a construción da autovía A-76 entre Ourense e León, mantendo o esforzo investidor e traballando para facer realidade esta infraestrutura de modo compatible coa protección do medio ambiente e coa declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.
VIAXE DO PRESIDENTE E MELLORA DAS ESTRADAS
Para rematar, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre a valoración da recente viaxe que o Presidente da Xunta realizou a Arxentina e Uruguai, na que se reuniu cos presidentes de ambas repúblicas e asistiu á Feira do Libro de Bos Aires, ademais de realizar encontros coa colectividade galega en ambos países; así como sobre a execución do plan de reforzo de firmes nas estradas de titularidade autonómica, para o que está previsto un investimento de 23,5 millóns de euros.
A modo de resumo, o portavoz popular sinalou que a orde do día do Pleno inclúe 27 puntos, dos que o Goberno propuxo dous e o Grupo Popular outros catro, “é dicir, un quinto das iniciativas que se van debater porque a oposición ten neste Parlamento todas as oportunidades de controlar e impulsar ao Goberno da Xunta”.