25 de abril de 2023. O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a Conta Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de 2020 e os informes de fiscalización elaborados polo Consello de Contas, que reflexan unha execución do orzamento consolidado de gasto do 102,1 por cento e un aforro bruto de 1.043 millóns de euros, o que permitiu incrementar os investimentos sen recorrer ao endebedamento a pesar de afrontar unha situación de pandemia e emerxencia sanitaria nese ano.
A deputada popular Cristina Sanz salientou que “estamos ante unha Conta Xeral que demostra, sen ningunha dúbida, a boa xestión do Goberno galego, que pensa nos galegos de hoxe pero tamén nos galegos do futuro”. “Así, e a pesar de que analizamos un exercicio no que se suspenderon as regras fiscais, Galicia mantivo o seu compromiso coa estabilidade orzamentaria, liquidando o ano 2020 dun déficit do 0,1 por cento do PIB e cun endebedamento do 19,9 por cento, fronte ao 27,1 por cento da media das comunidades autónomas”, dixo.
En concreto, manifestou que “Galicia liderou o esforzo investidor, sendo a comunidade con maior peso dos investimentos sobre o total de gasto non financeiro, cun 13,5 por cento, case o dobre da media nacional, que se situou no 7,2 por cento”.
SUPERAR A PANDEMIA EN MELLOR POSICIÓN
“Galicia tamén acadou, unha vez máis, os mellores resultados no que respecta á axilidade no pagamento, ao pagar aos seus máis de 14.800 provedores en 18,7 días, mentres que a media nacional sitúase en 34,5 días”, engadiu.
Deste xeito e á luz dos resultados, Cristina Sanz considerou un “feito indiscutible que Galicia superou a situación de emerxencia sanitaria vivida en 2020 en mellor posición que outros territorios, recuperando a riqueza prepandemia en 2022 e sendo a comunidade peninsular que presenta as mellores ratios no ámbito sanitario”.
A deputada popular recordou que “os propios informes do Consello de Contas subliñan o grao de aceptación das recomendacións propostas polo Consello de Contas, situado no 85 por cento, ao tempo que valoran o esforzo realizado para atender ás recomendacións incluídas en anteriores informes”.
Respecto das resolucións propostas por BNG e PSdeG, Cristina Sanz cualificounas de “incomprensibles e disparatadas, tanto polo número como polo contido, porque chegan a pedirnos que incorporemos cuestións que xa están incluídas na lexislación vixente”.
Porén, destacou as propostas pactadas cos grupos da oposición, que inciden en aspectos de mellora e prevención da corrupción, incorpora ás fundacións sanitarias como sector público autonómico e reducen a temporalidade no emprego público.