O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe a nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que “garante o futuro dos medios públicos para que sigan servindo á cidadanía dun xeito efectivo nun panorama dixital en constante e imparable transformación”, manifestou a deputada popular, Carmen Pomar. Así mesmo, asegurou que os medios públicos galegos “seguirán a ser independentes, cun modelo de xestión baseado na boa gobernanza, na administración rigorosa, na estabilidade e non na interinidade”.
Carmen Pomar manifestou que a nova lei “garante uns medios públicos que incorporan as necesidades das audiencias, capaces de ofrecer contidos de calidade que os conectan coa sociedade galega e o fan con rigor, pluralidade, obxectividade e profesionalidade”. “Estamos garantindo uns medios públicos na vangarda tecnolóxica, coa transformación dixital como piar que, ademais, son un motor da nosa industria audiovisual”, apuntou.
ADAPTADA AO MARCO NORMATIVO ESPAÑOL E EUROPEO
Ademais, afirmou que “sobre todo garántese a promoción, difusión e o impulso da lingua galega, e o coñecemento da identidade cultural e lingüística de Galicia”. Así, subliñou que “mantense sempre con firmeza e esixencia a principal razón de ser dos medios públicos autonómicos, que radicaba na súa creación e segue a facelo, na promoción, difusión e impulso da lingua galega para dar a coñecer a identidade cultural e lingüística de Galicia”. “Así foi ata o de agora e así continuará a suceder no futuro porque esta lei así o recolle explicitamente, con claridade e sen ningún tipo de dúbida”, puntualizou.
“Unha lei necesaria para actualizar o noso marco normativo á lexislación española e á europea”, indicou a deputada popular, quen sinalou que, “na liña das directrices europeas, a nova lei contempla a creación dun Consello Asesor de participación social e profesional, onde haberá representantes dos traballadores dos medios públicos”. En concreto, asegurou que “a nova lei prevé os mecanismos necesarios para garantir a independencia, a rendición de contas, a transparencia e a responsabilidade”.
Carmen Pomar destacou a “aposta polo diálogo e o consenso” que guiou a tramitación desta nova lei, que recibiu na súa fase de anteproxecto 111 alegacións, das que arredor dunha cuarta parte foron incorporadas total ou parcialmente. Neste sentido, dixo que “a Lei de medios é froito dun proceso transparente e participativo, que multiplica a pluralidade da futura Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, a través, por exemplo, do Consello Asesor de Participación Social e Profesional, cunha maioría dos seus integrantes elixidos por este Parlamento galego para dar cabida a practicamente todos os sectores relacionados e tamén a unha representación dos profesionais da Corporación”.