Santiago, 21 de marzo de 2022.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade o ditame emitido pola Comisión non permanente especial de estudo sobre a seguridade viaria de Galicia, “un documento de consenso e nada improvisado” cuxas “propostas xa foron valoradas pola Consellería de Infraestruturas no proceso de elaboración do novo Plan de Seguridade Viaria 2022-2025 que está a punto de ver a luz”, sinalou o deputado do Grupo Popular José Luís Ferro.
Na súa intervención, Ferro salientou que “elaboramos un bo documento baseado nas comparecencias de moitos expertos e colectivos relacionados, dun ou doutro xeito, coa seguridade viaria, un traballo herdado en parte das dúas lexislaturas anteriores”. “Todas as comparecencias deixaron claro que a seguridade viaria é transversal e toca moitos elementos da nosa contorna, seguramente moitos máis dos que descubriríamos cunha análise simple e superficial”, apuntou.
CIFRAS DOS ACCIDENTES DE TRÁFICO
O deputado popular considerou “fundamental concienciar á poboación na problemática dos accidentes de tráfico, unha responsabilidade de todos: administracións públicas, empresas privadas, institucións educativas ou familias”. Así, manifestou que “todos podemos mellorar a seguridade viaria: as administracións, adoptando normas e realizando campañas de sensibilización na sociedade, e as empresas, realizando plans de mobilidade para evitar os accidentes de tráfico nos desprazamentos ao lugar de traballo”.
“Ademais do drama e sufrimento que esconden as cifras de accidentes de tráfico, non podemos pasar por alto o impacto económico que supoñen estes sinistros, que anualmente superan os 10.000 millóns de euros só en España”, explicou.
José Luís Ferro situou o foco de actuación en tráfico “na sensibilización e concienciación das persoas”. “É certo que necesitamos mellorar as estradas e que os vehículos cada vez sexa máis seguros, pero a clave é traballar sobre o factor humano para conseguir un cambio de comportamento na condución”, indicou.
Para rematar, afirmou que “en materia de seguridade viaria aínda nos quedan moitos retos, que dependen en gran medida de todos nós, por iso agardo que gracias a esta comisión de estudo e entre todos consigamos visibilizar a problemática da seguridade viaria e así poder mellorala”.