Santiago, 2 de abril de 2022.- O voceira de Pesca e Marisqueo no Parlamento de Galicia, Teresa Egerique; o voceiro de Agricultura, Pesca e Alimentación no Congreso dos Deputados; Joaquín García Díez; a voceira de Agricultura, Pesca e Alimentación no Senado, Amaya Landín; e a coordinadora de Mar do Partido Popular de Galicia, Yovana Oroza, manifestaron o seu apoio “sen matices nin partidismos” ás mocións e as proposicións non de lei promovidas polas familias dos falecidos no afundimento do Villa de Pitanxo nas entidades locais e nas respectivas Cámaras de representación. Os voceiros populares subliñaron o seu apoio en canto a que son iniciativas cunha alta carga de humanidade que demandan a empatía das institucións coa defensa do seu dereito a coñecer a verdade.
Neste sentido, lembran que Alberto Núñez Feijóo solicitou ao Goberno central, desde o primeiro momento, que garantise a realización de labores de busca conducentes á recuperación dos corpos dos desaparecidos, en favor do descanso das familias, unha obriga que agora debe materializarse na posta en marcha dunha operación de traballo subacuático que permita localizar o pecio do buque, o descenso ao mesmo e a elaboración dun traballo fotográfico e audiovisual sobre o seu estado, así como o recoñecemento da súa contorna para verificar a posible localización de corpos dos tripulantes desaparecidos.
O Partido Popular apoia a súa demanda e coincide coas familias en que o visionado do estado do barco aportaría uns datos esenciais para o bo discorrer da investigación e do esclarecemento dos feitos.
Os familiares dos 21 falecidos do Villa de Pitanxo demandan ao Goberno de España que se implique na procura dos medios precisos para descender ao pecio do buque, tras decaer o seu compromiso inicial. Un feito que foi entendido polas familias como “vergoñoso e doloroso” e que constitúe unha “falta de respecto” aos falecidos, a eles mesmos e a toda a xente do mar.