10 de xullo de 2023. O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe que un Goberno de Alberto Núñez Feijóo atenderá as demandas dos mutualistas alternativos para promover, xunto coas propias mutualidades, unhas condicións de xubilación dignas para este colectivo de traballadores.
Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios de comunicación felicitando aos organizadores do multitudinario acto electoral celebrado polo Partido Popular onte na Praza de Touros de Pontevedra, encabezados pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente do PP en Pontevedra, Luis López, ao tempo que agradeceu o traballo dos centos de colaboradores que fixeron posible o bo desenvolvemento desta convocatoria, “na que se demostrou, unha vez máis, a forza do noso partido en Galicia”.
NOVO CONSELLEIRO DO CONSELLO DE CONTAS
Dentro da actividade do Parlamento de Galicia, Alberto Pazos informou que “hoxe mesmo vén de convocarse para mañá unha Xunta de Portavoces para atender a solicitude realizada polo Grupo Popular para celebrar, primeiro, unha sesión da Comisión 1ª e, posteriormente, un pleno extraordinario no que se elixirá o novo conselleiro do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro Fernández, que substitúe ao actual conselleiro maior José Antonio Redondo, que deixa o cargo por razóns de idade, segundo o previsto na lei que rexe este organismo”.
Licenciado en Dereito pola Universidade de León e diplomado en Criminoloxía pola Universidade de Galicia, Aladro Fernández foi Fiscal-Xefe provincial de Pontevedra desde novembro de 2007 ata 2023. Desde o Grupo Popular consideramos que esta persoa reúne as condicións de idoneidade para formar parte do Consello de Contas, polo que esperamos que tanto BNG e PSdeG apoien esta designación”, manifestou.
Por último, o viceportavoz popular avanzou que o vindeiro mércores debaterase na Comisión 1ª do Parlamento galego unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que inicie as reunións cos avogados da quenda de oficio para proceder a unha reforma da Lei de asistencia xurídica gratuíta.
“O obxectivo é atender a demanda dos avogados mutualistas que, logo de cotizar moitos anos ao longo da súa carreira, atópanse no momento da súa xubilación cunhas prestacións que, en moitos casos, non chegan nin as contías do ingreso mínimo vital”, concretou.
Así mesmo, lembrou que esta proposición non de lei “xorde despois das reunións celebradas por deputados do Grupo Popular con asociacións representantes dos avogados e, máis en concreto, co Pleno do Consello da Avogacía Galega, encabezado pola súa Presidencia, Lourdes Carballo”. “Nesta xuntanza reiteramos o compromiso do PP de atender as súas demandas, como o demostra o feito de que o propio programa electoral para as eleccións xerais do vindeiro 23 de xullo recolle varias cuestións de interese para este colectivo”, explicou.
PUNTOS DO PROGRAMA ELECTORAL
En concreto, o programa electoral do Partido Popular, no seu punto número 246, indica expresamente que “se analizará a situación dos mutualistas alternativos en aras a promover, xunto ás mutualidades, unhas condicións de xubilación dignas”. Ademais, existe o compromiso de que un futuro Goberno de Alberto Núñez Feijóo aprobará unha Lei de dereito de defensa, coa participación dos colexios profesionais; ao tempo que se facilitará a conciliación da vida laboral e familiar de avogados e procuradores.
Por último, estenderase a nivel estatal a regulación da quenda de oficio e da asistencia xurídica gratuíta para contemplar expresamente este dereito nas persoas xurídicas, así como que a intervención dos profesionais designados de oficio sexa indemnizada sempre que realicen actuacións.