O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Roberto Rodríguez, criticou hoxe a “dobre moral” de BNG e PSdeG ao esixir investimentos da Xunta na cidade de A Coruña e esquecerse dos incumprimentos do Goberno central con proxectos importantes como a ampliación de Alfonso Molina ou da Pasaxe, o Vial 18 ou a Cuarta Rolda. Por este motivo, anunciou que levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa pedindo ao Goberno de Pedro Sánchez prazos concretos e investimentos para dar cumprimento aos compromisos pendentes coa cidade coruñesa.
Roberto Rodríguez salientou que “unha das mellores demostracións do compromiso do Goberno galego con A Coruña son as obras do novo CHUAC, sobre as que esta semana tivemos importantes novidades logo da reunión da Comisión de Seguimento, como a licitación por máis de 400 millóns de euros da segunda fase destas obras, que inclúen a construción do edificio hospitalario principal, no primeiro semestre do vindeiro ano”.
TRANSPARENCIA DO GOBERNO GALEGO
Ademais, lembrou que, no marco da primeira fase, xa está en funcionamento o aparcamento provisional e estase a traballar no remate antes do final de ano da escavación da torre polivalente, que suporá un investimento de 38 millóns de euros. Así mesmo, estase avanzando na demolición do hotel de pacientes, que se atopa ao 60 por cento de execución e que tamén está previsto o seu remate a finais de ano. O remate destes traballos permitirá avanzar na obra dos novos accesos ao complexo hospitalario.
“Esta transparencia que traslada a Xunta sobre as obras que leva a cabo en A Coruña contrasta cos atrasos nas actuacións comprometidas polo Goberno de Pedro Sánchez, unha situación que irá a peor ao verse obrigado a prorrogar os orzamentos para 2026 por terceiro ano consecutivo e sen perspectiva de que poida aprobar unhas contas estatais”, sinalou.
Roberto Rodríguez referiuse a actuacións pendentes que acumulan importantes retrasos, como a ampliación de Alfonso Molina, que incumprirá o prazo previsto para a súa finalización; a ampliación da Pasaxe, o Vial 18 ou a Cuarta Rolda. “Todas elas son obras sin proxecto nin orzamento para a súa execución, ás que se pode engadir outras como o plan director do aeroporto de Alvedro, a chegada da alta velocidade ferroviaria, a cesión de vivendas da SAREB ou a cesión gratuíta da antiga prisión provincial”, apuntou.
Diante desta situación, o portavoz popular de Infraestruturas criticou a “dobre moral” dos socialistas e nacionalistas coruñeses, “amosando plena condescendencia ante os incumprimentos e o abandono do Goberno de Pedro Sánchez á cidade de A Coruña, pero poñendo todo o seu empeño en criticar á Xunta, cando é a única administración que está a cumprir os seus compromisos con esta cidade”.