A presidenta provincial do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, compareceu hoxe en rolda de prensa acompañada polo secretario xeral provincial do PP, Javier Nodal, e polo voceiro do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, para denunciar a gravidade da situación política e institucional que se está a vivir na provincia de Lugo a raíz do caso de presunto acoso sexual que afecta ao PSOE, e para esixir ao BNG que abandone a ambigüidade e se posicione con claridade ao lado das vítimas.
Candia comezou a súa intervención trasladando unha mensaxe clara de apoio ás presuntas vítimas, ás que cualificou como “as principais prexudicadas de todo isto”. “A miña primeira mensaxe é de apoio ás presuntas vítimas e de repulsa a este tipo de condutas que, sexan ou non constitutivas de delito, son absolutamente inaceptables. Fágoo como lucense, pero sobre todo como muller”, subliñou.
“O que estamos vivindo estes días na provincia de Lugo é grave. Grave non só polo que se denuncia, senón polo que non cambia, polo que se cala e polo dano que se lle está facendo ás institucións”, afirmou a popular.
A presidenta provincial do PP insistiu en que non existe ningunha novidade real, xa que José Tomé segue mantendo as actas na Deputación e no Concello de Lugo. “Hoxe, despois de todo o coñecido, José Tomé segue enrocado na súa decisión persoal, cando os lucenses e os monfortinos lle están pedindo claramente que dea un paso atrás”, indicou.
Candia foi contundente ao respecto: “As institucións non poden estar ao servizo de quen se aferra ao cargo, nin poden quedar debilitadas por unha situación que non se resolve. Non chega con abandonar a presidencia da Deputación mantendo o poder desde a sombra. Iso non é asumir responsabilidades, é prolongar o problema”.
O PAPEL DETERMINANTE DO BNG
Elena Candia situou o foco así mesmo no BNG, ao que cualificou como actor determinante da situación actual. “Hai alguén que é determinante nesta situación e ese é o BNG. Ten que ser claro e deixar de branquear o que está a acontecer”, afirmou.
“Non valen as medias tintas nin os silencios incómodos. O BNG segue no goberno, enfadándose un pouco fóra, pero demostrando a súa incoherencia e a súa falta de contundencia na defensa de algo tan importante como a defensa das mulleres”, engadiu.
Candia advertiu que o BNG “ten que decidir se está ao lado das presuntas vítimas ou se vai seguir sostendo, directa ou indirectamente, un goberno condicionado por unha persoa apartada do PSOE por presunto acoso sexual. Retirar o apoio non é radicalidade, é coherencia”.
CONTRADICIÓNS E SILENCIO DO PSOE
A presidenta provincial denunciou tamén a falta de explicacións do PSOE e as súas contradicións internas: “O PSOE segue sen dar explicacións. Besteiro recoñeceu que era coñecedor do caso, e iso é clave. Lara Méndez, Pilar García Porto e a dirección socialista seguen sen aclarar que sabían, que fixeron e por que calaron”, sinalou.
“Estamos ante un episodio de contradicións e incoherencias permanente. O silencio non é neutral. O silencio tamén debilita as institucións”, advertiu.
FALSO FEMINISMO DE PSOE E BNG
Candia denunciou o falso feminismo do PSOE e do BNG: “O caso de Tomé deixa en evidencia un feminismo de escaparate no PSOE. Non se pode falar de defensa das mulleres mentres se recoñece que se coñecían denuncias e non se fixo nada durante meses. O feminismo non é un pin nunha efeméride. É actuar cando toca, aínda que doa”.
A popular engadiu que o BNG debe demostrar coherencia coas súas palabras a través de accións concretas e non limitarse a discursos: “Non caben silencios nin medias tintas. Ten que demostrar que defende os dereitos das mulleres e a transparencia”.
DEPUTACIÓN DE LUGO
A presidenta provincial tamén criticou a situación vivida na Deputación:
“O comportamento do bipartito onte foi bochornosa e ofrece unha mala imaxe da institución e da provincia. Tomé anuncia dimisión, pero preside a Xunta de Goberno con membros do PSOE, mentres o BNG se ausenta sen adoptar medidas. ¿Que goberno vai a ter a Deputación de Lugo? ¿O BNG vai formar parte dun goberno provincial cunha deputada supostamente coñecedora dos casos de acoso e apoiado por Tomé?”.
Candia destacou a necesidades de responsabilidade institucional: “O silencio non é neutral. Tamén debilita as institucións. Cando se debilitan as institucións, perde Lugo. E iso non o podemos permitir”, engadiu.
SILENCIOS NO ÁMBITO MUNICIPAL
Candia criticou tamén o silencio no Concello de Lugo. “Non podemos ignorar o silencio do alcalde de Lugo, Miguel Fernández, que é tamén deputado provincial e que asistiu onte a un órgano presidido por Tomé”, explicou.
“Ese silencio é unha forma de posicionarse, e os veciños teñen dereito a saber cal é a súa postura ante unha crise que afecta directamente á Deputación de Lugo”, afirmou.