Os senadores galegos do Partido Popular solicitan a comparecencia na Cámara Alta da secretaria de Estado de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, para explicar os motivos polos que o Ministerio deixou fóra a Galicia e ao noroeste español do mapa de autopistas ferroviarias deseñado polo Goberno.
A senadora galega Pilar Rojo mostra unha vez máis a súa contrariedade ante esta decisión tendo en conta que “o Corredor Atlántico forma parta da Rede básica de corredores ferroviarios da Unión Europea e constitúe un dos nove corredores prioritarios europeos”. De aí que, aparte de solicitar a comparecencia de Pardo de Vera na Comisión de Transportes, os senadores galegos do Grupo Popular rexistraran ademais unha batería de preguntas sobre este asunto.
Esixen así explicacións sobre os motivos polos que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana non considera “prioritario” o Corredor Atlántico e as razóns polas que o excluíu, xunto a todo o Corredor Noroeste, do mapa de autopistas ferroviarias deseñado polo Goberno. Ao tempo que solicitan unha rectificación no que respecta a esta decisión.
No seu escrito, os populares volven incidir ademais no feito de que o Ministerio aínda non designase ao Comisionado para o Corredor Atlántico, tal e como se comprometera a facer xa no ano 2018. Así como na reclamación dun Plan Director no que se concreten actuacións e no que se inclúa un calendario concreto de prazos e inversións.
A INCOMPARECENCIA DA MINISTRA
Cómpre sinalar que estas iniciativas se producen despois de que a ministra de Transportes non acudise ao Pleno do Senado do día 22 de novembro, no que estaba previsto que a senadora galega Pilar Rojo fixese unha interpelación onde demandaba a inclusión do Corredor Atlántico no mapa de autopistas ferroviarias, a elaboración dun Plan Director e o nomeamento do seu Comisionado. Así como a mellora das conexións con Portugal coa construción da Saída Sur de Vigo e a priorización das conexións ferroviarias cos portos da fachada atlántica e coas principais plataformas loxísticas.
“Despois da incomparecencia da ministra no último Pleno do Senado e tendo en conta que o seguinte será para o debate dos Presupostos, non poderá responder ás nosas preguntas ata o mes de febreiro. Agardamos que o Goberno central faga os seus deberes para esas datas”, conclúe Rojo.