Santiago, 4 de febreiro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Jackeline Fernández acusou hoxe aos grupos da oposición de pretender crear un novo imposto ás bebidas azucradas “sen ningún tipo de modelo de tributación e que recaería sobre todo nas rendas medias e baixas, que son precisamente as consumidoras principais deste tipo de produto”.
Jackeline Fernández cualificou a proposición de lei defendida polo Grupo Mixto, e apoiada polo resto dos grupos da oposición, como “unha proposta pouco seria, na súa meirande parte baleira de contido e bastante incoherente”.
MÁIS SERIEDADE
“Rexistraron neste Parlamento un copia e pega do imposto aprobado en Cataluña en 2017, que foi anulado polo Tribunal Superior de Xustiza catalán por non estar ben deseñado e cunha tramitación deficiente”, explicou. Deste xeito, demandou “un pouquiño máis de seriedade nas súas proposicións de lei, porque entendemos que se queiran parecer a Cataluña e que prefiran Cataluña antes que Galicia, pero copiar e pegar a lei catalana tal cual, traducila e presentala sen botarlle unha ollada é unha falta de rigor, seriedade e, sobre todo, falta de respecto a Galicia”.
A deputada popular contrapuxo “a coherencia, rigorosidade e seriedade do Grupo Popular en todos os ámbitos, especialmente en materia fiscal e tributaria progresiva; fronte á alternativa que presenta a oposición de incoherencia, despropósitos, faltas de respecto e medidas fiscais e tributarias regresivas e que xeran desigualdade”.
“O imposto que propoñen para as bebidas azucradas é a regresividade por definición, porque o tería que pagar toda a cidadanía por igual, ou o que é peor, recaería sobre todo nas rendas medias e baixas, que son as consumidoras principais deste tipo de produto”, manifestou.
Neste sentido, salientou que “progresividade é o que fai a Xunta cando baixa o imposto do IRPF ás rendas menores e súbella aos que máis recursos teñen; progresividade é subir o imposto de patrimonio en época de crise a agora mantelo nos niveis anteriores á crise; ou progresividade é eliminar impostos no rural e incentivar con deducións a natalidade, a compra de vivendas ou a creación de novas empresas”.