O Partido Popular de Galicia acusa a Pedro Sánchez de “desmantelar a seguridade dos ourensáns” a través dos recortes que o seu Goberno está aplicando nos horarios de atención ao público dos cuarteis e no número de efectivos da Garda Civil na provincia de Ourense.
En declaracións aos medios nas inmediacións do cuartel da Garda Civil en Bande, a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, denunciou que cada vez son menos os cuarteis abertos con atención presencial as 24 horas e que, pola contra, cada vez son máis os que, como o deste concello, abren só de 9:00 a 14:00 horas e só nuns días concretos da semana.
“O Goberno de Sánchez non está coidando á Garda Civil e nós, por suposto, estamos moi preocupados”, asegurou ao tempo que poñía o foco nas intencións do Ministerio de Interior de seguir pechando cuarteis –entre eles o do concello ourensán de Baltar– e de levar a cabo unha “barbaridade” como é a “substitución de axentes reais por axentes virtuais”.
A isto hai que engadir ademais que, entre os postos sen cubrir e as baixas médicas, cada día faltan 1.000 axentes da Garda Civil en Galicia e máis de 160 na provincia de Ourense. Polo tanto, desde o PPdeG esperan que “Sánchez e os seus rectifiquen polo ben da Garda Civil e pola seguridade de todos os galegos e galegas”.
ANA VÁZQUEZ: “QUEREMOS UNHA SEGURIDADE DE PRIMEIRA”
Paula Prado estivo acompañada nesta xornada polo presidente do PP na provincia de Ourense, Luis Menor, a alcaldesa de Bande e secretaria xeral provincial, Sandra Quintas, e as deputadas pola provincia Rosa Quintana e Ana Vázquez.
Esta última alertou de que dos 38 cuarteis da Garda Civil en Ourense, actualmente só catro deles permanecen abertos durante as 24 horas: os de Xinzo, Carballiño, Verín e O Barco. Algo, na súa opinión, totalmente incomprensible nunha provincia avellentada e cunha gran dispersión poboacional.
A tamén secretaria nacional de Interior do PP recordou así mesmo que, segundo datos do propio Ministerio, a criminalidade tense incrementado de xeito xeneralizado no conxunto de Ourense e que este incremento alcanza o 27% nas zonas rurais, onde se concentran case o 60% dos roubos con forza de toda a provincia.
“Queremos unha seguridade de primeira porque non somos cidadáns de segunda”, concluíu reivindicando que os veciños do rural pagan os mesmos impostos que o resto de cidadáns e que teñen o mesmo dereito a “vivir en liberdade e con seguridade nos seus concellos”.
LUIS MENOR: “REIVINDICAMOS SERVIZOS DIGNOS”
Luis Menor, pola súa banda, criticou o descoñecemento que o Goberno de Sánchez ten do mundo rural, subliñando que mentres o PP loita de modo permanente por fixar poboación, crear emprego e ofrecer a mellor calidade á veciñanza, o Goberno central desmantela servizos públicos básicos como a seguridade, imprescindibles para garantir o futuro do rural.
O obxectivo do PP é axudar ao medio rural “garantindo uns niveis de seguridade óptimos”, ao igual que nas contornas urbanas. “Reivindicamos servizos dignos da Garda Civil no rural”, incidiu Luis Menor, labor que se fai tanto desde o propio partido como desde as institucións nas que goberna o PP.
Neste sentido lembrou que a través dunha iniciativa presentada na Deputación de Ourense, e ademais de facer un recoñecemento ao labor que desenvolve a Garda Civil, acordouse esixir a súa presenza no rural, sen pechar máis cuarteis, con máis efectivos e mesmo ofrecendo incentivos para todos aqueles axentes que queiran ocupar postos en zonas rurais.
O PARTIDO CON MÁIS ALCALDESAS DE GALICIA
A secretaria xeral dos populares galegos quixo tamén aproveitar a presenza de Sandra Quintas para reivindicala como “unha das 27 rexedoras que nos converten no partido con máis alcaldesas de Galicia” e das que case a metade, un total de 13, son precisamente da provincia de Ourense.
“No Congreso tamén somos maioría”, engadiu poñendo en valor que, grazas aos 13 representantes do PPdeG na Cámara Baixa, a visibilidade de Galicia está garantida no lugar onde se toman tanta decisións que afectan á nosa Comunidade.