21, febreiro, 2019. Os populares galegos, advirten que o Goberno inviste no Corredor Mediterráneo o diñeiro que lle corresponde ao Corredor Atlántico, demostrando unha vez máis, cos seus Presupostos Xerais do Estado, que para Pedro Sánchez Galicia é un estorbo en lugar dun territorio ao que protexer.
O Ministerio de Fomento presentou un plan de investimentos para o Corredor Atlántico cheo de lagoas e que inclúe obras que xa están executadas. Máis polo miúdo, o documento, que non foi consensuado co Goberno autonómico nin coñecido ata o día de onte, avanzaba un resumo impreciso de investimentos de 41.000 millóns dos que 24.500 xa están executados, ademais da inversión de 370 millóns de euros no cuadrante Noroeste para este mesmo ano sen concretar as actuacións nin aclarar se se poderán levar a cabo sen presupostos.
Desde que chegou á presidencia, Sánchez só gobernou para devolverlle os favores aos que lle puxeron nas mans as chaves da Moncloa, entregándose por completo ás esixencias do independentismo catalán e obténdose como resultado que esa Comunidade reciba os cartos que lle corresponden ao Noroeste de España.
Ademais, os populares lamentan que o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, esqueza o seu cometido e actúe máis como o delegado de Ferraz na Comunidade, escollendo, sempre que ten a oportunidade, loitar polos intereses de Pedro Sánchez en lugar de facelo polas necesidades dos galegos.
Losada reivindicou onte un proxecto que mestura actuacións da rede de mercadorías con outras da rede de pasaxeiros e que están moi afastadas das demandas do Corredor Atlántico, esquecendo obras fundamentais como o baipás de Monforte, a saída sur de Vigo ou a solución da forte pendente que ralentiza os trens no porto do Manzanal, a través do cal se conectan Galicia e Castela-León.
Deste modo, o delegado defendeu unha planificación de inversión que ignora por completo as demandas reais para reforzar a competitividade do ferrocarril de mercadorías do Noroeste peninsular que fixeron Galicia, Asturias e Castela e León, tres Comunidades que reclamaron a súa inclusión no Corredor e que o conseguiron grazas ao Goberno de Mariano Rajoy.