Santiago, 29 de xuño de 2022.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a carga de traballo dos xulgados de A Coruña e Vigo “se atopa moi lonxe dos 3.300 asuntos anuais por xulgado que establece o acordo entre o Ministerio de Xustiza e o Consello Xeral do Poder Xudicial para establecer unha garda de 24 horas.
Paula Prado asegurou que o sistema actual de garda nos xulgados de A Coruña e Vigo “está a funcionar dunha maneira correcta, sen atrancos na organización de permisos, licenzas ou vacacións, polo que non parece prudente cambiar algo que está a funcionar correctamente”. Neste sentido, explicou que o réxime de gardas é o propio de localidades con 8 xulgados de instrución, existindo dous xulgados simultaneamente de garda e a posibilidade de presentar denuncias en horario nocturno nas comisarías, onde as forzas e corpos de seguridade do Estado instrúen os oportunos atestados coas dilixencias de investigación que procedan previamente á remisión ao xulgado.
“Fóra do horario establecido, os xulgados de garda permanecen en situación de dispoñibilidade e en condicións de continua localización para atender calquera incidencia propia do servizo de garda que se puidera suscitar, en cuxo caso se incorporan ao mesmo de maneira inmediata”, afirmou. Nestes casos, existe un sistema de compensación horaria do persoal ao servizo da Administración de Xustiza nos casos en que é preciso prolongar a xornada máis alá do horario fixado para este tipo de xulgados, ademais das libranzas reguladas que procedan.
VOLUME DE TRABALLO LONXE DO ACORDADO
A viceportavoz popular concretou que “tan só dúas cidades con 8 xulgados, As Palmas de Gran Canaria e Córdoba, teñen implantado un sistema de garda de 24 horas, un réxime de traballo previsto no Regulamento do Consello Xeral do Poder Xudicial dun xeito automático para partidos de 10-12 xulgados de instrución onde, por rotación, cada día debe estar un xulgado de garda e descansa ao día seguinte”.
No caso das cidades de A Coruña e Vigo, os seus xulgados de instrución ingresaron unha media de 1.606 e 2.505 asuntos, respectivamente, ao longo do pasado ano 2021, “un volume de traballo que se atopa moi lonxe dos 3.300 asuntos anuais por xulgado que establece o acordo entre o Ministerio de Xustiza e o Consello Xeral do Poder Xudicial para habilitar as gardas de 24 horas”, dixo Paula Prado.
Para rematar, afirmou que o Goberno galego “está a priorizar a creación de novos xulgados de primeira instancia, que actualmente son os que están a soportar unha maior carga de traballo, nos partidos xudiciais que superan o módulo de entrada de asuntos fixados polo Consello Xeral do Poder Xudicial”.