Os deputados do Grupo Popular Miguel Viso e Víctor Baladrón, acompañados do alcalde de Ribadavia, César Fernández, visitaron esta mañá o Museo Sefardí e destacaron a súa importancia como símbolo de memoria e da identidade deste municipio ourensán. Así mesmo, destacaron a oportunidade que suporá para este concello a celebración no mes de xuño da Asemblea Anual da Rede de Xudarías, “un encontro que debe servir de promoción de Ribadavia e situalo como referente na recuperación do patrimonio sefardí en toda España.
Miguel Viso e Víctor Baladrón lembraron que a rehabilitación do Museo Sefardí na Praza Maior de Ribadavia, edificio que tamén alberga a Oficina de Turismo, contou cunha axuda da Xunta de Galicia que se achegou aos 50.000 euros.
COLABORACIÓN INSTITUCIONAL
“É unha satisfacción comprobar como os investimentos da Xunta se transforman en proxectos reais que melloran o noso patrimonio e fortalecen a identidade das nosas vilas”, manifestou o deputado popular Miguel Viso, quen situou a reapertura do Museo Sefardí de Ribadavia como “un exemplo claro de como a colaboración institucional dá froitos concretos”. “Non só rehabilitamos un edificio, senón que recuperamos un espazo que representa a memoria viva da nosa historia e que ten un enorme potencial cultural e turístico para toda a comarca”, dixo.
Pola súa banda, Víctor Baladrón puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa historia e a cultura, e sinalou que este museo “non é só unha infraestrutura cultural: é unha ponte co pasado, un lugar que nos convida a lembrar e a comprender mellor a nosa historia compartida”.
Os deputados populares felicitaron ao alcalde de Ribadavia pola súa designación este ano 2025 como Presidente da Rede de Xuderías de España, “unha oportunidade para que esta vila fortaleza as súas relacións históricas e culturais con outras cidades con legado sefardí”.
Neste sentido, subliñaron que a próxima celebración en Ribadavia do Asemblea Anual da Rede de Xuderías, conmemorando o 30 aniversario desta organización, “será o marco perfecto para afondar nas relacións con outras cidades, abrir novas vías de colaboración e situar a este concello ourensá como un destino de referencia dentro do itinerario sefardí”.