Santiago, 25 de xuño de 2021.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez afirmou hoxe no Parlamento galego que a Consellería de Educación xa activou grupos de traballo con representantes da comunidade educativa para a elaboración dunha proposta de regulamentos orgánicos para centros de educación infantil e primaria, centros públicos integrados e institutos de educación secundaria, así como das ordes que os desenvolverán.
No debate dunha proposición non de lei do PSdeG, Sandra Vázquez criticou que “os socialistas reclamen a participación da comunidade educativa na elaboración dos novos regulamentos dos centros de ensino porque cando gobernan fan todo o contrario”.
DEIXAR TRABALLAR
Deste xeito, a modo de exemplo referiuse á Lei Celáa, que “naceu enredada en medio de convocatorais electorais, se tramitou en plena crise sanitaria provocada pola Covid-19 e saíu adiante pese ao rexeitamento de gran parte da comunidade educativa”.
A deputada popular demandou “deixar traballar e evitar interferencias políticas sobre os novos regulamentos orgánicos dos centros de ensino públicos, unha cuestión de tipo técnico e organizativo que pode resolverse de moitas formas xurídicas atendendo ao que acontece nas diferentes comunidades autónomas”.