Santiago, 23 de marzo de 2021.- O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, incidiu hoxe no Pleno do Parlamento en que a Xunta está ultimando unha Estratexia contra a soidade non desexada, “que será presentada nos vindeiros días e que ten cinco liñas fundamentais: prevención, detección, intervención, visibilización e cooperación”.
Alberto Pazos salientou “o traballo longo e complexo que vén desenvolvendo o Goberno galego na elaboración desta Estratexia, coa colaboración do terceiro sector e os concellos, e que non se improvisa nunha iniciativa parlamentaria como queren facer os socialistas galegos”.
SENTIMENTO AGRAVADO COA COVID-19
“A pandemia da Covid-19 agravou o sentimento de soidade na sociedade, máis tamén aportou novas ensinanzas incorporadas á Estratexia, que será pioneira en España e responderá a un compromiso asumido no programa electoral do PPdeG e unha prioridade manifestada polo Presidente Feijóo no seu discurso de investidura”, manifestou.
O portavoz popular dirixiuse aos grupos da oposición porque “se teñen vontade de mellorar esta Estratexia contra a soidade non desexada, poderían contribuír reclamando ao Goberno de España apoio económico para levar adiante esta iniciativa, a través da entrega a Galicia dos 200 millóns de euros pendentes do IVE, 170 millóns dos incentivos polo cumprimento dos obxectivos económicos, 100 millóns de políticas de emprego ou 36 millóns do fondo Covid-19”.