Santiago, 11 de marzo de 2021.- O deputado popular José Manuel Rey salientou hoxe no Parlamento que o Consello de Contas verifique na súa fiscalización da Conta Xeral de Galicia de 2018 que “a información rendida é completa; reflicte a imaxe fiel do patrimonio, resultados e liquidación do orzamento; e ofrece a información necesaria para comprobar a situación financeira da Administración”. “Unha boa xestión económica permitiranos seguir mellorando o benestar dos galegos, con maiores investimentos en sanidade, educación e servizos sociais, como acreditan os informes de fiscalización”, indicou.
Na comparecencia do conselleiro maior do Consello de Contas no Parlamento, José Manuel Rey agradeceu “o intenso traballo realizado para presentar hoxe a memoria anual de 2019, as contas deste organismo de 2019 e 17 informes de fiscalización para dar cumprimento á necesidade de render contas aos galegos e galegas con transparencia”. Neste sentido, apuntou que “valoramos moi positivamente o traballo da actividade de fiscalización, a de prevención da corrupción e a consultiva presente na memoria de actividades do Consello de Contas”.
CUMPRIMENTO DO 95 POR CENTO
“Estamos ante un Goberno galego que fai orzamentos cada dano, que executa eses presupostos e que rende contas en prazo”, subliñou o deputado popular. En concreto, lembrou que no ano 2018 executáronse 10.723 millóns de euros, o que supón un índice de cumprimento do 95 por cento, “moi por enriba do 47 por cento que presentan as deputacións provinciais”.
Respecto do endebedamento, José Manuel Rey afirmou que o informe do Consello de Contas “pon de manifesto que Galicia está moito mellor que a media de comunidades españolas na ratio débeda/PIB” e recolle textualmente que “o crecemento da débeda pública de Galicia nos últimos anos é inferior ao experimentado pola media estatal”.
“Mentres, como di o informe de fiscalización do endebedamento autonómico entre os anos 2013 e 2017, moitas comunidades autónomas sufriron a perda do acceso aos mercados financeiros por mor da caída dos ratios das súas débedas, en Galicia conseguimos manter a nosa autonomía financeira”, salientou o deputado popular.
Deste xeito, Galicia “beneficiouse no custo da débeda accedendo ao Fondo de Facilidade Financeira creado para as comunidades autónomas que cumpren estabilidade, cumpren coa débeda e cumpren co pago a provedores en 30 días”.
Para rematar, Rey apuntou que na Memoria de Actividades do Consello de Contas tamén “podemos constatar como a Xunta acepta nos exercicios analizados máis do 80 por cento das súas recomendacións e que a maioría están aplicadas ou en proceso de aplicación”.