Os deputados do Grupo Popular, en visitas a distintos centros de saúde de Galicia, aseguraron que a incorporación de máis de 260 profesionais voluntarios permitirá garantir, un ano máis, unha asistencia sanitaria de calidade durante os meses de verán en toda Galicia. Nese sentido, pediron ao BNG e ao PSdeG que “abandonen o seu discurso alarmista e catastrofista sobre a situación da sanidade galega, porque calquera galego ou persoa que nos visite contará cunha atención sanitaria de primeiro nivel, prestada por profesionais comprometidos e cunha excelente formación”.
Durante estas visitas, subliñaron que a Xunta traballa sempre para ofrecer a mellor asistencia sanitaria á cidadanía, todos os días do ano. Engadiron que o verán non será unha excepción, malia o reto que supón a chegada de milleiros de visitantes a Galicia e o necesario respecto polo dereito ao descanso dos profesionais sanitarios.
MÁIS DE 12 MILLÓNS DE INVESTIMENTO
Neste sentido, explicaron para atender todas as necesidades de atención sanitaria ao longo do verán a Xunta elaborou, como todos os anos, un plan específico de reforzo, dotado con máis de 12 millóns de euros e a través do que está prevista a incorporación de máis de 260 profesionais sanitarios, tanto persoal médico voluntario, como profesionais do 061 que se incorporan voluntariamente ao programa, sanitarios desprazados temporalmente a centros con maior demanda ou a encomenda de funcións a persoal residente de cuarto ano.
“Estamos a falar dunha planificación que a Xunta leva a cabo con criterio e baseándose na demanda asistencial real, non en exercicios de adiviñación nin en augurios de BNG e PSdeG que ao final nunca se cumpren”, manifestaron os deputados populares.
TODAS AS CAMAS HOSPITALARIAS DISPOÑIBLES
Unha planificación para a atención primaria que tamén se estende á atención hospitalaria, onde este verán estarán activas cerca do 92 por cento das camas hospitalarias, aínda que continuarán dispoñibles a totalidade das camas no caso de que fora necesario o seu uso.
“Estamos a falar dun número de camas hospitalarias activas que se realiza tendo en conta a porcentaxe de ocupación real rexistrada entre os meses de xuño e setembro dos últimos anos, unha cifra á que se lle engade unha marxe de seguridade superior ao 10 por cento co fin de garantir a correcta atención sanitaria dos pacientes”, puntualizaron os deputados populares.
Neste sentido, incidiron que “todas as camas dos hospitais públicos galegos estarán dispoñibles ao longo do verán para o seu uso se os pacientes o precisan ou se a situación sanitaria o require, pero é preciso recordar que nunca foi preciso habilitar máis camas das programadas nos meses de verán, incluso nos anos 2021 ou 2022 coa pandemia da Covid-19”.
VISITAS DOS PARLAMENTARIOS POPULARES
As visitas dos parlamentarios tiveron lugar en distintos puntos da comunidade. En Lugo, Encarna Amigo, Raquel Arias e José Manuel Mato acudiron ao centro de saúde de Outeiro de Rei. Miguel Fidalgo e Felisa Rodríguez, acompañados pola presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, visitaron o Hospital Público Álvaro Cunqueiro.
Pola súa banda, Noelia Pérez e Argimiro Marnotes visitaron o centro de saúde do Couto, en Ourense, mentres que Gonzalo Trenor e Magdalena Pérez acudiron ao de Ponteceso, na Coruña.