Santiago, 7 de maio de 2019.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo asegurou hoxe no Parlamento que a nova lei de ordenación farmacéutica, que hoxe foi debatido na súa totalidade no Pleno, “está orientado á regulación da atención farmacéutica entendida como servizo de interese público e dirixida a garantir á cidadanía o acceso rápido, eficaz, oportuno, equitativo e racional aos medicamentos e produtos sanitarios que necesite”.
Rodríguez-Vispo indicou que esta nova norma “servirá para dotar a este sector dunha nova regulación máis acorde cos tempos que estamos a vivir e que poida afrontar e dar solución, dunha forma máis eficaz, ás demandas actuais e ás necesidades tanto dos profesionais farmacéuticos como dos usuarios”. Neste sentido, considerou “necesario renovar unha normativa que data de 1999 e que non estaba adaptada ás actuais circunstancias, nin tecnolóxicas nin demográficas”.
ATENCIÓN AO RURAL E ADAPTACIÓN Á REALIDADE DEMOGRÁFICA
Esta nova lei “segue dúas prioridades transversais que o Goberno galego ten nesta lexislatura: a atención ao rural e a adaptación dos servizos públicos á realidade demográfica e territorial”, sinalou a deputada popular. Así, a norma introduce o concepto de botica anexa, que se poderá instalar en lugares e parroquias onde non se poida abrir unha oficina de farmacia e no caso de zonas rurais moi amplas e de difícil comunicación coa farmacia máis próxima. Tamén se abre a posibilidade de autorizar a apertura dunha botica anexa naqueles casos en que o peche dunha farmacia deixe sen atención unha determinada zona.
Así mesmo, a lei introduce os supostos especiais de entrega de medicamentos e produtos sanitarios ás persoas usuarias que residan en zonas rurais illadas ou sexan dependentes. “Isto é importante porque adecúa a regulación legal ás novas necesidades da sociedade galega, caracterizada polas altas taxas de envellecemento que leva consigo un aumento considerable de enfermidades crónicas e de enfermos pluripatolóxicos”, apuntou Marta Rodríguez-Vispo.
PROXECTO PARTICIPADO
A deputada popular explicou que a accesibilidade da poboación galega aos fármacos “é posible porque contamos cunha rede ampla de oficinas de farmacia, que este proxecto de lei garante que se manteña e adapte ás necesidades actuais”. Ademais, regúlanse as unidades de farmacia de atención primaria e os servizos farmacéuticos hospitalarios, todos eles coordinados cos centros e servizos sanitarios públicos de xeito que calquera prescrición dun facultativo poida ser dispensada nun servizo ou establecemento farmacéutico de forma áxil.
Rodríguez-Vispo salientou que este proxecto de lei é “moi participado, xa que a Xunta estivo permanentemente aberta e receptiva a todas as suxestións, viñeran de colexios oficiais, de sociedades científicas, de asociacións profesionais ou de particulares”. “Cambios importantes introducidos, como a porcentaxe mínima do 10 por cento das titularidades compartidas ou a adaptación dos módulos para o cálculo das oficinas de farmacia á evolución demográfica das zonas, xurdiron de propostas particulares, que leron o anteproxecto no Portal de Transparencia da Xunta, achegaron as súas suxestións e foron admitidas”, engadiu.