Santiago, 14 de maio de 2019.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, afirmou hoxe no Parlamento que a Xunta “está a tramitar unha lei de residuos e solos contaminados, que actuará como marco xeral onde poder desenvolver medidas específicas que permitan diferenciar claramente entre unha operación de valorización real de espazos degradados ou unha eliminación en vertedoiro encuberta”.
“Ademais, a nivel estatal, estase a traballar nun texto coordinado entre todas as comunidades autónomas que substitúa ao real decreto sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras”, engadiu.
Gonzalo Trenor engadiu que “Galicia tamén conta co Plan de xestión de residuos industriais 2016-2022, que establece os criterios específicos a ter en conta en relación aos residuos de construción e demolición e, de forma especialmente significativa, sobre os materiais bituminosos”.
“Deste xeito, tanto a futura lei de residuos e solos contaminados de Galicia, como a reforma do real decreto estatal de xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado polas actividades mineiras permitirán clarificar máis a situación e as accións a realizar en terreos degradados”, salientou o portavoz popular.