3 de novembro de 2022. O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe no Parlamento galego que “a única razón da ausencia da presidenta da Deputación de Pontevedra para explicar os orzamentos desta institución é a súa incapacidade para manter un debate libre, no que non pode negar a palabra ao discrepante, como fai habitualmente na Deputación co apoio cómplice do BNG de Ana Pontón”.
“Que Carmela Silva incumpra a súa obriga de comparecer no Parlamento de Galicia por sexto ano consecutivo é xa un vergoñento costume que define o talante pouco democrático da presidenta da Deputación de Pontevedra”, lamentou Alberto Pazos.
Ademais, criticou que, “por primeira vez, o Partido Socialista defenda o dereito da señora Silva a incumprir a lei, un feito novidoso que retrata a todo o PSdeG e, moi especialmente, ao seu secretario xeral, Valentín González Formoso”. “No PSdeG de Formoso castígase a un deputado que presume de obedecer ordes e prémiase a unha presidenta provincial que presume de desobedecer a lei”, indicou.
BNG, BENEFICIADO DOS ABUSOS
Alberto Pazos manifestou que Carmela Silva “goberna a Deputación de Pontevedra de xeito caciquil, opaco e na que as necesidades dos pequenos concellos da provincia están subordinados aos intereses electorais do Partido Socialista e do seu socio: o BNG de Lores e Pontón”. “Porque, o mesmo BNG que critica a Carmela Silva no Parlamento galego un día ao ano, cala, apoia e benefíciase dos seus abusos na Deputación durante os outros 364”, dixo.
Neste sentido, explicou que “cando dos 11 millóns de euros que medra o orzamento da Deputación Provincial, a señora Silva dedica un millón ao Plan Concellos e 10 aos seus intereses, faino co apoio do BNG; cando os pequenos concellos se rebelan contra esta inxustiza, é o BNG quen os trata de parásitos e insolventes, e os cualifica de paraísos fiscais; cando a señora Silva discrimina aos concellos de Rodeiro, Porriño e Sanxenxo, tal e como acreditan as sentenzas xudiciais, faino coa complicidade do BNG; ou cando a señora Silva inventa un Plan de Reequilibrio e reparte o 70 por cento entre os concellos amigos, faino da man do BNG”.