O deputado do Grupo Popular Roberto Rodríguez afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta completará nas vindeiras semanas o informe de avaliación do estado dos murais de Urbano Lugrís na rúa Olmos e que determinará o custo que suporía a súa retirada e traslado a outro espazo na cidade de A Coruña que reúna as condicións adecuadas para a súa conservación. Porén, criticou “o desleixo do Goberno socialista de A Coruña, apoiado polo BNG, que non foi quen de facer unha aposta, nin económica nin política, por un proxecto cultural para a cidade ou pola protección da obra de Urbano Lugrís”.
Roberto Rodríguez lembrou que a Xunta, exercendo o seu dereito de tanteo, adquiriu por 36.000 euros os murais de Urbano Lugrís existentes en dúas casas unidas na rúa Olmos de A Coruña, unha vez que incoou o procedemento para declarar ben de interese cultural, na categoría de monumento, estas obras. “Fronte á actitude da alcaldesa, que deixou claro que o Concello non compraría os murais, o Goberno galego actuou con rapidez para salvagardar unhas obras tan importantes e sumalas ao patrimonio público de Galicia”, apuntou.
HIPOCRISÍA DO BNG
“O Goberno municipal de A Coruña, que o BNG apoia incondicionalmente, non fixo absolutamente nada nin para protexer os murais de Urbano Lugrís nin para que estas obras quedaran na cidade”, incidiu o deputado popular. Neste sentido, criticou que, logo de que a alcaldesa anunciara en abril de 2023 que se ía solicitar a tramitación da declaración destes murais como BIC, “tardaron once meses e só remitiron a solicitude ao día seguinte que a Xunta anunciou o seu interese por estas obras”.
Ademais, Roberto Rodríguez asegurou que “os murais quedarán en A Coruña pola aposta seria e decidida da Xunta, porque se fora polo interese e a dilixencia dos responsables municipais xa estarían hoxe nunha galería privada de Vigo, a pesar de que no seu programa electoral se comprometeron literalmente a recuperar os murais da rúa Olmos e crear en Fornos o Espazo Urbano Lugrís”. Agora, afirmou que o informe de avaliación sobre os murais “será unha boa base para sentar a conversar e tender pontes entre administracións para buscar a mellor solución”.
Para rematar, o deputado popular criticou a “hipocrisía do BNG ao traer hoxe ao Parlamento galego a súa preocupación polos murais de Lugrís en A Coruña, pedindo a outros o que non son quen de esixirlle que cumpra a alcaldesa, pese a facela e mantela no seu posto”.