Santiago, 16 de novembro de 2017.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, reiterou hoxe no Parlamento que a Consellería de Educación realizará nos vindeiros meses o cambio dos falsos teitos no colexio Rosalía de Castro de Carril, unha obra que se sumará aos máis de 160.000 euros investidos neste centro de ensino desde 2009.
César Fernández asegurou que o cambio dos falsos teitos no colexio Rosalía de Castro, que suporá un investimento aproximado de 60.000 euros, está considerado como unha “obra esencial” por parte da Consellería.
OBRAS DIVERSAS
Esta actuación engadirase ás obras feitas desde 2009 neste centro de ensino, como a cuberta nova dos porches, a ampliación do comedor escolar, a reforma da instalación eléctrica, a reparación da cuberta ou o novo sistema de alarma.
Respecto da demanda realizada por En Marea sobre os aseos deste colexio, o portavoz popular explicou que “as fotografías que se están a difundir non son reais, pois estes urinarios foron cambiados hai xa anos na etapa de Goberno do PPdeG no Concello de Vilagarcía”.