Santiago, 3 de decembro de 2020.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, afirmou hoxe no Parlamento galego que o Goberno galego “disporá para 2021 dunha partida de 1,1 millóns de euros para iniciar a construción de novos proxectos de centros de saúde en Galicia, sempre que exista un acordo firme con calquera concello que cumpra cos trámites de ceder os terreos necesarios e viables para proceder a esta obra, como pode ser o caso do novo centro de saúde de O Grove”.
Encarna Amigo subliñou que esta provisión de fondos “permitirá iniciar a construción de novos centros de saúde naqueles concellos que o demandan pero que a día de hoxe aínda non achegaron unha proposta viable de terreos sobre os que edificalo, como acontece en O Grove”. “Teñen a garantía de que se o fan haberá fondos para financiar o proxecto”, sinalou.
Neste sentido, a portavoz popular lembrou que “os concellos normalmente teñen un planeamento urbanístico aprobado e deben de buscar os terreos axeitados para facer as infraestruturas necesarias para os seus veciños, tanto no eido social, como sanitario, cultural ou educativo”. Deste xeito, asegurou que “cando o Concello de O Grove poña enriba da mesa o terreo necesario para a construción do novo centro de saúde, a Xunta levará adiante o proxecto”.