Santiago, 20 de xuño de 2019.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, afirmou hoxe que “a Xunta está a ofrecer aos concellos ferramentas efectivas para que poidan alcanzar un modelo de xestión dos seus residuos adaptado ás esixencias europeas e estatais, pero respectando sempre a competencia municipal nesta materia”.
Gonzalo Trenor lembrou que “a competencia sobre recollida e xestión de residuos urbanos ou domésticos vén legalmente atribuída ás administracións locais, polo que lles corresponde aos concellos implantar e financiar un modelo de xestión acorde coa lexislación e a planificación estatal e autonómica: o Plan estatal marco de residuos e o Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia, respectivamente”.
AXUDAS NA TOMA DE DECISIÓNS
“A pesar desta competencia municipal na xestión dos residuos, a Xunta está a apoiar aos concellos galegos na implantación de medidas que os axuden na toma de decisións para a implantación de diferentes modelos de recollida e tratamento da fracción orgánica”, sinalou o portavoz popular.
En concreto, referiuse a que “estase a traballar facilitando composteiros individuais que redunden na prevención de residuos, así como entregando contedores para a recollida separada da fracción orgánica ou desenvolvemento proxectos demostrativos”. Así, entre os anos 2018 e 2019 está previsto o reparto de 4.670 contedores de biorresiduos entre 45 entidades locais, cun investimento próximo aos 560.000 euros.
“Estas liñas de colaboración seguirán a desenvolverse respectando as competencias que cada administración ten atribuídas, pero sen substituír a responsabilidade que cada un ten”, asegurou.