Santiago, 25 de xaneiro de 2022.- A deputada do Grupo Popular Begoña Freire afirmou hoxe no Parlamento galego que, unha vez aprobado polo Goberno central o novo Plan de Vivenda, a Xunta “realizará os axustes necesarios no programa autonómico de mobilización de vivendas para alugueiro que xa tiña elaborado, para poñelo en marcha e mobilizar residencias que actualmente non están en uso”.
Begoña Freire lamentou que o anterior programa de vivendas baleiras da Xunta non conseguira os resultados previstos pola “falta de implicación dos grandes concellos gobernados polos socialistas e as mareas, onde se concentra a maior demanda, que renunciaron a poñer en marcha esta ferramenta e renunciando ás competencias nesta materia que lles outorga a Lei de bases de réxime local”.
IMPLICACIÓN DOS GRANDES CONCELLOS
A Xunta reformulou este programa para a mobilización de vivendas para alugueiro, que agora xestionará o Instituto Galego da Vivenda e Solo en colaboración cos axentes da propiedade inmobiliaria e os administradores de fincas, a través dos seus colexios profesionais.
“O programa está listo para a súa posta en marcha, á espera de que a Xunta realice os axustes necesarios logo da aprobación o pasado 18 de xaneiro polo Consello de Ministros do novo Plan de vivenda, que non entrará en vigor como mínimo ata o vindeiro mes de marzo”, manifestou. A deputada popular afirmou que “trátase dun bo programa que temos a responsabilidade de aproveitar e espero que a implicación dos grandes concellos galegos que non se mostrou antes se faga agora”.
Así mesmo, explicou que a Xunta opta por medidas positivas fronte ás medidas punitivas doutras administracións, centrándose en “ofrecer seguridade xurídica aos propietarios, incentivalos con garantías de cobro do alugueiro e de mantemento das condicións das súas propiedades, e con axudas para a rehabilitación ou adaptación das vivendas”.
Fronte a isto, Begoña Freire criticou que o BNG opte “por accións penalizadoras para os propietarios, propoñendo medidas punitivas a través de recargos impositivos e medidas de intervención, que teñen difícil encaixe xurídico nun mercado libre como é o da vivenda”.