Santiago, 4 de decembro de 2019.- A deputada do Grupo Popular Raquel Arias afirmou hoxe no Parlamento que “queremos que, si o século pasado foi o da emigración, o presente sexa o do retorno”.
“Galicia ten que afrontar o reto demográfico, do mesmo xeito que España e a maioría dos países europeos, e os movementos migratorios xogan un papel moi importante para afrontalo”, manifestou.
Raquel Arias salientou que Galicia presenta un saldo migratorio positivo entre os anos 2007 e 2017 de máis de 45.000 persoas, e só no último ano este saldo achegouse a 13.000 persoas.
Respecto ao retorno de emigrantes, a deputada popular concretou que “incrementouse un 50 por cento nos tres últimos anos, superando a cifra de 18.000 retornados ao longo desta lexislatura”.
RETORNO DE MENORES DE 45 ANOS
Na súa intervención, destacou a posta en marcha en 2018 da Estratexia Retorna 2020, “a través da que o Goberno galego investirá 235 millóns de euros na realización de máis de 200 medidas, con obxectivo de conseguir a volta de 21.000 galegos, dos que o 60 por cento son menores de 45 anos”.
“Entre as medidas que a oposición propón e que o Goberno galego xa ten en marcha figuran as axudas ao retornado emprendedor, que xa apoiaron a creación de case 200 proxectos empresariais; as bolsas de excelencia para atraer talento galego a Galicia, a través da que se prevé o retorno de 800 galegos residentes no exterior; ou as axudas extraordinarias ao emigrante retornado, cun orzamento para o vindeiro 2020 de 1,9 millóns de euros”, manifestou.