Santiago, 28 de setembro de 2021.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, avogou hoxe no Parlamento galego por “esperar a que o Goberno de España lexisle sobre a consolidación de emprego no sector público para aplicar esta normativa en Galicia” e afirmou que “intentar trasladar outra mensaxe é distorsionar a realidade, xogar cos sentimentos e xerar falsas expectativas a moitas persoas que nestes momentos están á espera de que o Goberno central cumpra os eu compromiso e aprobe canto antes esta normativa”.
Paula Prado lembrou que o Real Decreto 14/2021, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público esixe que as ofertas de emprego relativas aos procesos de estabilización sexan aprobadas e publicadas nos respectivos diarios oficiais antes do 31 de decembro de 2021, e as respectivas convocatorias antes do 31 de decembro de 2022, debendo rematar os procesos antes do 31 de decembro de 2024.
NORMA BÁSICA ESTATAL
“Esta disposición ten o carácter de norma básica estatal e, polo tanto, resulta de obrigado cumprimento para a Administración galega, que carece de competencias para ampliala, restrinxila ou modificala”, explicou a viceportavoz popular. Deste xeito, a Xunta ten que aplicar as previsións contidas neste Real Decreto ou, se fora o caso, da disposición legal que o complete ou substitúa.
Na súa intervención, Prado subliñou que “o problema da temporalidade excesiva no sector público galego débese, principalmente, a problemas de lexislación básica do Estado”. Neste sentido, dixo que “nas últimas décadas as leis orzamentarias estatais impoñen taxas de reposición que non permiten cubrir todas as vacantes que se orixinan”.
“As taxas de reposición véñense aplicando desde o século pasado, pero o gran recorte recente produciuse en 2009, cando o Goberno socialista de Zapatero decidiu rebaixalas desde o 100 por cento ao 30 por cento”, apuntou a viceportavoz popular. A pesar desta situación, salientou que “Galicia é a comunidade autónoma con menor taxa de temporalidade, menor do 30 por cento e moi por debaixo da media estatal e do resto das comunidades autónomas”.