A portavoz de Vivenda do Grupo Popular, María Deza, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta procederá a principios do vindeiro ano á licitación dos primeiros inmobles destinados á modalidade de aloxamentos compartidos para menores de 36 anos nunha parcela da rúa Xoán XXIII de Santiago. “A intención é replicar esta actuación noutras cidades galegas, sempre en conversación cos concellos, e por iso xa se están estudando posibles novos emprazamentos en A Coruña e Vigo”, anotou.
María Deza explicou que, para facilitar a emancipación da mocidade galega, a Xunta atribúelle ao Instituto Galego de Vivenda e Solo a facultade de impulsar, en colaboración coa consellería competente en materia de xuventude, a promoción pública e a xestión de aloxamentos compartidos, destinados a satisfacer necesidades transitorias de vivenda das persoas menores de 36 anos. “Esta iniciativa pretende facilitar a toma de decisión a hora de emanciparse, proporcionando aos mozos e mozas as mellores oportunidades para construír os seus proxectos de vida fóra do lugar onde se criaron”, dixo.
CUMPRINDO ESTRITAMENTE A NORMATIVA
En concreto, o proxecto prevé a construción de aloxamentos cunha superficie mínima de 30 metros cadrados, con salón-cociña, un baño e unha habitación, e disporán ademais de superficies para servicios complementarios compartidos, como lavandaría, zonas de ocio ou de traballo. Tamén haberá aloxamentos de dúas habitacións, nos que a superficie superará os 40 metros cadrados, cumprindo en todos os casos a normativa técnica de aplicación e a de habitabilidade.
“As modalidades de uso compartido para vivendas e aloxamentos residenciais veñen para quedarse, non só porque sigan as correntes xa existentes nos países do noso entorno, senón porque veñen a dar satisfacción a necesidades de distintos colectivos sociais e, polo tanto, as lexislacións deberán regular estas modalidades máis cedo que tarde”, explicou a portavoz popular.
María Deza afirmou que estes novos formatos living avanzan no mercado residencial en España, que alcanzará, segundo recentes estudos, o 16 por cento da oferta de obra nova destinada ao alugueiro en 2025, un modelo que xa está funcionando noutros países de Europa, como o Reino Unido ou Francia, e tamén noutras comunidades autónomas, como é o caso de Cataluña ou o País Vasco.
Na súa intervención, Deza criticou a incongruencia do BNG ao afirmar que “non lle gusta esta modalidade de aloxamentos compartidos, cando a tiña incluída no seu programa electoral, no que se indicaba expresamente que propoñían aumentar a oferta pública de aloxamentos dotacionais específicos para a mocidade e para o estudantado, que permita solucións habitacionais de pequeno tamaño durante un período máximo de cinco anos”.
Para rematar, a portavoz popular lembrou que, co fin de facilitarlle a mocidade a adquisición de vivenda, o Goberno galego decidiu reservar para os menores de 36 anos o 40 por cento do novo parque de vivenda pública que está a construír e que sexa destinada ao alugueiro, e un 25 por cento das vivendas destinadas á compra. Ademais, entre 2021 e 2023, a Xunta concedeu axudas para o acceso á vivenda por importe global de preto de 55 millóns de euros, das que 22 millóns de euros estaban dirixidas exclusivamente a menores de 36 anos. No mesmo período concedéronse axudas por preto de 8,5 millóns de euros para adquisición de vivendas, dos que máis do 60 por cento do total foi destinado exclusivamente a menores de 36 anos.