Santiago, 21 de outubro de 2021.- A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique afirmou hoxe no Parlamento galego que o novo centro de saúde Bouzas abrirá as súas portas nas vindeiras semanas, “sempre e cando o Concello de Vigo teña a ben tramitar a licenza de primeira ocupación”.
Teresa Egerique lembrou que, “unha vez que este novo centro sanitario estea operativo, os pacientes de Bouzas poderán elixir entre seguir no seu centro de saúde actual ou pedir o cambio para o novo”. “Será totalmente voluntario e ata a actualidade xa se teñen presentado máis de 600 peticións para cambiar de centro de saúde”, indicou.
O deseño e dotación do novo centro de saúde de Bouzas dará resposta a calquera consulta médica que poida xurdir no contexto da atención primaria, incluída a área da muller. Porén, a atención pediátrica continuará prestándose no centro de saúde de Navia.
Así mesmo, Egerique asegurou que “a actividade sanitaria do centro de saúde de Bouzas iniciarase de modo progresivo en canto á dotación de servizos humanos, avaliándose cuidadosamente de forma programada para dotar dos efectivos necesarios en función da demanda asistencial”.