Santiago, 8 de febreiro de 2017.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Vázquez, afirmou hoxe no Parlamento que a contratación de persoal para o Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF) “combina a súa presenza suficiente nas épocas de maior risco no ano coa flexibilización na contratación que demanda unha xestión adecuada dos recursos públicos”. Así mesmo, expresou o seu compromiso para reunirse con estes traballadores para coñecer de primeira man as súas demandas de melloras laborais.
González Vázquez asegurou que “estamos moi satisfeitos do traballo desempeñado por tódolos traballadores e traballadoras do SPDCIF, que son a primeira liña de defensa contra esta lacra que ano tras ano asola os nosos montes”, polo que afirmou que “traballamos para mellorar as súas condicións laborais”.
ESTABILIDADE LABORAL
En concreto, o portavoz popular referiuse aos 436 traballadores de reforzo que se contratan por un período de tres meses e lembrou que ata 2011 estas contratacións tiñan un carácter eventual e non garantían aos traballadores a súa contratación dun ano para outro.
Por este motivo e logo de diferentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Xunta de Galicia buscou unha solución a esta problemática reforzando con carácter fixo e estrutural o dispositivo do SPDCIF durante a época estival, procedendo á creación de 436 postos de traballo para a prestación fixa discontinua durante tres meses nas campañas de verán e á cobertura deses 436 postos por persoal laboral temporal baixo a modalidade de interinidade
“Con esta medida, estes 436 traballadores gañaron estabilidade laboral, pois a partir de 2012 tiveron a seguridade de traballar cada campaña e ademais por un tempo certo de tres meses concretos: xullo, agosto e setembro”, explicou José González.
A esta situación, sumouse o pasado ano a modificación do decreto 37/2001 realizada pola Xunta, de xeito que estes traballadores da campaña de verán poidan optar a cubrir postos vacantes e non vacantes de 9 ou 12 meses sen penalización algunha.