Santiago, 6 de outubro de 2020.- O deputado do Grupo Popular Borja Verea salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “o traballo conxunto e coordinado entre a Xunta e a industria turística resultaron claves para que Galicia se percibise este verán como un destino seguro”.
Porén, avogou por seguir traballando conxuntamente co sector para a consecución dun gran acordo polo turismo galego, que adopte as medidas necesarias para facer fronte de forma inmediata aos efectos da crise provocada pola pandemia sanitaria.
Borja Verea lembrou que “Galicia foi a primeira comunidade autónoma en aprobar un plan de reactivación do sector turístico e cultural, dotado con 58 millóns de euros e con medidas claras, concretas e orzamentadas”. En concreto, sinalou que este plan incorporaba actuacións como a implementación de protocolos hixiénico-sanitarios, a oportuna formación dos traballadores e liñas de apoio para a adaptación dos establecementos hostaleiros e aloxamentos turísticos.
✅@VereaFraiz defende emenda do @ppdegalicia para poñer en valor o traballo feito polo sector turístico e solicitar do Goberno a mesma corresponsabilidade e recorda que a @Xunta foi a 1ª CCAA en aprobar un Plan de Reactivación con actuacións claras, concretas e orzamentadas pic.twitter.com/yWHNZAHOk6
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) October 6, 2020
“Un plan completo, serio e solvente, feito con anticipación ás poucas semanas de declararse o Estado de Alarma e sendo a primeira comunidade autónoma en poñelo en marcha”, subliñou. Ademais, dixo que se trata dun “plan completo, dinámico e froito do diálogo co sector e do traballo coordinado da administración galega”.
TRES EIXOS DE FUTURO
De cara ao futuro, o deputado popular lembrou que as liñas estratéxicas xirarán sobre tres eixos: avanzar no artellamento integral do sector turístico galego; apoiar a innovación e promover a desestacionalización do sector; e reformular o Xacobeo 2021 cara o concepto de Década Xacobea como estratexia a longo prazo”.
“A situación é complicada e con moitas incertezas, pero estamos resistindo mellor que o resto das comunidades autónomas”, salientou Borja Verea, polo que demandou “medidas máis intensivas que desbordan o marco competencial galego, e que só poden vir da man do Goberno central”. En concreto, reiterou a demanda aprobada na anterior sesión plenaria para que o Goberno de España reduza o IVE turístico e cultural, “porque suporía unha mensaxe de apoio sen precedentes ao sector e ao mesmo tempo un balón de osíxeno, tanto pola oferta como pola demanda”.