Santiago, 28 de xaneiro de 2020.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, afirmou hoxe no Parlamento que “os servizos de urxencias dos hospitais galegos están dimensionados para atender a todos os pacientes en calquera data, aínda que poden sufrir saturacións en situacións puntuais”.
Aurelio Núñez manifestou que “os recursos dos que dispón o Sergas están operativos e actívanse se son precisos, e incluso pode contemplarse de ser necesario o incremento de camas por habitación, medida moi criticada e desbotada pola oposición e algunha asociación cando se fixo referencia á mesma”.
AS MENORES LISTAS DE ESPERA
Na súa intervención, o portavoz popular criticou que, no acordo asinado entre o PSOE e o BNG para a formación do novo Goberno central, os nacionalistas galegos “limitaran a súa demanda á fórmula inconcreta e xenérica de mellorar as taxas de reposición, cando en Galicia reclamaron en distintas ocasións a supresión desta taxa”.
Respecto das listas de espera, Núñez Centeno dixo que “parece que á oposición lles molesta que Galicia estea nas menores cifras de espera da serie histórica, utilizando un sistema de cálculo idéntico ao das demais comunidades autónomas”.
“Se o BNG quere revisar os criterios de publicación das listas de espera, utilicen a súa influencia sobre o Goberno de Pedro Sánchez para pedir unha reunión da Interterritorial de Sanidade, na que se poderán poñer en marcha as medidas previstas na reunión celebrada en 2018, previa á moción de censura, para paliar o déficit de profesionais sanitarios”.