5 de maio de 2023. O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe no Parlamento galego que a aplicación da Lei que permite a cobertura de prazas por concurso de méritos facilitará a convocatoria de dúas prazas para o concello de Ribeira, que poderán prestar servizo no consultorio de Corrubedo e cubrir a baixa de longa duración do médico que presta servizo nesta parroquia.
Alberto Pazos salientou que “a Xunta está a tomar todas as medidas posibles ao seu alcance para paliar a falta de médicos existente a nivel de toda España”, a través de medidas como a prolongación de xornadas, as intersubstitucións, a reordenación de cupos ou a aprobación da Lei para a cobertura inmediata de prazas por concurso de méritos.
NON SE PODE FALAR DE DESATENCIÓN
Diante da baixa por incapacidade temporal de longa duración do médico que presta servizo no consultorio de Corrubedo, o viceportavoz popular afirmou que “entendemos a molestia dos pacientes, pero en ningún caso se pode falar de desatención” e asegurou que “en ningún caso se vai pechar este consultorio”.
“O Goberno galego está a facer canto está nas súas mans para paliar a falta de profesionais, a pesar de que BNG e PSdeG non deixan de poñer paos nas rodas votando en contra do uso do concurso de méritos para acceder en propiedade a prazas de difícil cobertura, da convocatoria dun MIR extraordinario de primaria ou da creación da especialidade de urxencias”, explicou.