Santiago, 20 de setembro de 2017.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, afirmou hoxe que a Consellería de Sanidade rematará nas vindeiras semanas o Plan Funcional e de Espazos de Lalín, que determinará o modelo de asistencia sanitaria integral para Lalín. “Será un novo edificio na parcela cedida polo Concello lalinense, que estará de acordo co convenio asinado no seu día polo Goberno do Partido Popular de Lalín e que, sen dúbida mellorará a asistencia sanitaria de toda a cidadanía da comarca de Deza”, asegurou.
Aurelio Núñez explicou que o Centro de Alta Resolución de Lalín “nunca foi definido e actualmente é un modelo obsoleto”, polo que “consideramos máis axeitado neste momento outro tipo de modelos como poderían ser os centros integrados de saúde, recentemente presentados pola Consellería de Sanidade para a súa posta en marcha en Lugo”.
“Non dubiden vostedes que nesa parcela cedida polo Concello de Lalín haberá unha infraestrutura sanitaria, independentemente da súa denominación, localizada nos terreos cedidos polo Concello de Lalín, e que terá todos os servizos necesarios para unha óptima atención a todos os veciños da comarca”, subliñou o portavoz popular aos deputados da oposición.
ATENCIÓN SANITARIA
O portavoz de Sanidade lembrou que o concello de Lalín conta na actualidade cunha atención primaria na que están incorporadas todas as actividades da carteira de servizos co que conta este nivel asistencial, tanto en atención ordinaria (medicina de familia, pediatría, enfermería) como en servizos de apoio (fisioterapia, odontoloxía, matrona, farmacia e incluso radioloxía).
Os médicos de familia deste concello acadan unha ratio media de 1.300 tarxetas sanitarias, un número considerado óptimo polas sociedades científicas, do mesmo xeito que acontece coa ratio de tarxetas de pediatría (745 por profesional) e de enfermería (1.277 por profesional).
Así mesmo, o concello de Lalín conta con especialistas de nivel hospitalario que prestan asistencia na localidade, como rehabilitación, cardioloxía, oftalmoloxía, traumatoloxía, xinecoloxía e obstetricia, que pasan consulta no centro de saúde. “Estas especialidades son, sen ningunha dúbida, as que concentran a maior demanda en atención hospitalaria”, indicou Aurelio Núñez.