O Partido Popular de Galicia alerta de que a incapacidade do Goberno de Sánchez para conseguir aprobar os Presupostos Xerais do Estado implica o risco de que a declaración do Xacobeo 2027 como Acontecemento de Excepcional Interese Público non se faga realidade a tempo para lograr os obxectivos que se pretenden conseguir.
Neste sentido a secretaria xeral Paula Prado anunciou hoxe que a próxima semana os populares solicitarán, tanto no Parlamento galego como nas Cortes Xerais, que o Goberno central habilite, cos procedementos que sexan necesarios, que as empresas que desexen patrocinar actividades turísticas ao abeiro do Xacobeo 2027 o poidan facer xa a partir do 1 de xaneiro de 2025.
Un anuncio que a número dous dos populares galegos realizou antes de encabezar, xunto ao presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, a reunión da Comisión de Turismo do PPdeG que esta mañá se celebrou en Cambados e na que se abordaron, entre outros asuntos, as consecuencias que suporá para o sector turístico galego o plan do Goberno central de implantar un rexistro de viaxeiros.
“É incomprensible que nun país no que o turismo é fundamental para a nosa economía o Goberno central insista en castigar e menosprezar ao sector turístico e en cargar sobre os seus profesionais a desproporcionada responsabilidade de xestionar datos tan completos e sensibles”, explicou ao tempo que cualificaba esta medida de “amago de Gran Hermano cutre co que Sánchez demostra novamente o escaso respecto que lle merecen os datos de particulares”.
Prado pediu abertamente ao PSdeG que “deixe de branquear todo o que fai Sánchez aínda que sexa a costa de prexudicar os intereses dos galegos” e ao BNG que “deixe de lado a súa turismofobia e, por unha vez, apoie á Galicia aberta e na que todos os visitantes recibidos”. En contraposición, engadiu, o PPdeG seguirá apostando, como sempre, por un turismo con sentidiño e que achegue riqueza a Galicia.
Unha aposta que se verá reflectida nos Orzamentos de 2025 que se aprobarán a próxima semana. Unhas contas nas que o Goberno presidido por Alfonso Rueda destina 146 millóns de euros á área de Turismo, incrementando esta partida en 1,3 millóns respecto a este ano.
De a aí o rexeitamento dos populares cara esta medida e a iniciativa que veñen de rexistrar no Parlamento para instar ao Goberno central a que, previa consulta e consenso co sector, modifique o Real Decreto 933/2021 –do que deriva esta medida– e flexibilice as súas esixencias para evitar que se dificulte a xestión do procedemento de rexistro dos viaxeiros en establecementos de hospedaxe e para garantir que se respecte a normativa vixente sobre protección de datos e o principio de transparencia.
Explican os populares que estas esixencias afectan a todas as tipoloxías de aloxamentos de hospedaxe, desde as vivendas de uso turístico ata os albergues, ademais das empresas de aluguer de vehículos. Todas elas se verán obrigadas a recoller medio centenar de datos persoais dos seus clientes e introducilos nunha plataforma informática.
Isto supón unha sobrecarga de traballo para os profesionais do sector, ao requirir tempo extra no procedemento habitual de entrada e rexistro dos viaxeiros (check in) e pola necesidade de implantar medidas de seguridade na recollida e custodia de datos que non son estritamente de carácter turístico.
A PROBLEMÁTICA DA REGULACIÓN DAS VIVENDAS DE USO TURÍSTICO
Outro dos asuntos abordados na reunión da Comisión de Turismo foi a regulación das vivendas de uso turístico. Un asunto sobre o que lamentaron a inacción do Goberno central sobre esta cuestión sobre a que tamén ten competencias.
Indican que desde o Executivo estatal non se concretou se esta nova modalidade de aloxamento se constitúe como actividade económico. Ao que habería que engadir o recente anuncio de que se está a traballar nun Real Decreto de alugueiros de corta duración que incluiría, entre outras cuestións, un rexistro único para as VUT.
Polo momento é só un borrador, pero desde o PPdeG lamentan que nin foi consensuado nin se tivo en conta antes da súa aprobación a realidade de comunidades autónomas que, como Galicia, xa teñen o seu propio rexistro. E por isto último reclaman ao Goberno que non xere nin duplicidades, nin inseguridade xurídica, nin invada competencias.
LUIS LÓPEZ: “TRÁTASE DUNHA TEMERIDADE ECONÓMICA QUE ATACA A UNHA INDUSTRIA CLAVE EN GALICIA E NA PROVINCIA”
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, explicou pola súa banda que a esixencia de máis de 40 datos aos viaxeiros que contraten servizos turísticos “non é so obrigar aos hoteleiros a exercer de policías, ademais dunha vulneración flagrante do dereito á intimidade dos turistas, senón que é directamente unha temeridade económica que atenta contra unha industria clave en España, en Galicia e na provincia de Pontevedra”.
Unhas declaracións que ilustrou cos datos dun sector turístico que en Galicia xera máis de 12,4 millóns de pernoctas e que só na provincia de Pontevedra xera máis de 3.000 millóns de euros en ingresos. De aí que se mostrase contrario a unha medida que “ameaza o traballo de décadas na construción dun destino forte como o galego ou o das Rías Baixas”.
Algo ao que tamén apuntou a presidenta do PP de Cambados, Sabel Fole, que reivindicou esta vila como “un referente no turismo grazas aos bos resultados que obtivemos tanto este verán como ao longo do que vai de ano nun sector fundamental como é o turismo”.