11 de abril de 2023. A portavoz de Emprego do Grupo Popular, Noelia Pérez, alertou hoxe no Pleno do Parlamento “do incremento da temporalidade no emprego, xa que do total dos novos contratos indefinidos do mes de marzo, máis da metade son a tempo parcial ou fixos descontinuos».
Así mesmo, concretou que “as principais eivas do mercado de traballo en Galicia son o incremento do custo da enerxía, que os fondos europeos seguen sen chegar ao tecido empresarial e a falta de concreción do financiamento de proxectos estratéxicos para a reactivación da industria ao abeiro do pacto verde promovido pola Unión Europea”.
“Tras a contrarreforma do Goberno de Pedro Sánchez, asínanse máis contratos indefinidos, pero os contratos que menos medran son os indefinidos a xornada completa e, baixo o disfrace dos fixos descontinuos, o que medra é a temporalidade e a parcialidade”.
MÁIS DO 70 POR CENTO SON FIXOS DESCONTINUOS
Así, fixo unha comparativa entre dos datos contratos indefinidos correspondentes aos meses de marzo de 2022 e 2023: os contratos a tempo completo subiron un 8,97 por cento, os contratos a tempo parcial incrementáronse un 2,52 por cento e, os fixos descontinuos ascenderon un 70,67 por cento. “Pretenden que lles compremos a súa visión triunfalista e alonxada da realidade”, dixo.
Respecto á situación de Galicia, Noelia Pérez concretou que “contamos con indicadores máis favorables que a media estatal, xa que a taxa de desemprego segue a ser dous puntos inferior á media do Estado, ao tempo que o índice de confianza empresarial é maior na Comunidade galega que na media nacional”.
A portavoz popular apuntou que o mercado de traballo en Galicia “presenta unha serie de eivas que condicionan as súas posibilidades de desenvolvemento”. En concreto, citou o incremento do custo da enerxía, porque “seguimos á espera dun prezo competitivo para as empresas electrointensivas galegas que, a día de hoxe, non poden competir co resto dos países europeos pola ineficacia e ineficiencia do Goberno de Pedro Sánchez”; os fondos europeos seguen sen chegar ao tecido empresarial galego, xa que o Goberno central só adxudicou o 16 por cento dos 41.000 millóns anunciados; e “seguimos sen que se concrete o financiamento de proxectos estratéxicos para a reactivación da industria ao abeiro do Pacto Verde promovido pola Unión Europea, que en Galicia está a afectar a proxectos como os de Altri ou Stellantis”.